Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os ministros de Exteriores da OTAN abordan a adhesión de Finlandia e Suecia

Os ministros de Exteriores da OTAN abordan a adhesión de Finlandia e Suecia

O vicesecretario xeral da organización lembra que "a política de portas abertas segue sendo sacrosanta"

Felicita a Ucraína pola vitoria en Eurovisión que considera unha mostra do "inmenso apoio público" a ese país

O vicesecretario xeral da OTAN, Mircea Geoana, á súa chegada á xuntanza O vicesecretario xeral da OTAN, Mircea Geoana, á súa chegada á xuntanza
G24.gal 15/05/2022 09:02 Última actualización 15/05/2022 21:39

Os ministros de Exteriores da OTAN abordan nun encontro informal en Berlín, que comezou este sábado, a guerra de Ucraína e a ampliación da Alianza Atlántica, coa adhesión de Suecia e Finlandia enriba da mesa.

Ambos os dous países manifestaron a súa intención de pedir formalmente o seu ingreso, ao que se opón Turquía.

"Turquía é un aliado importante e expresaron as súas preocupacións, que estamos a abordar entre amigos e aliados. Porén, confío en que se estes dous países deciden, entendo que nos próximos días, tentar o seu ingreso na OTAN, seremos capaces de darlles a benvida e que poidamos atopar todas as maneiras de chegar a un consenso", dixo o vicesecretario xeral da OTAN, Mircea Geoana. 

O mandatario asegurou que a Alianza Atlántica "sempre respectará o dereito dos países, en Europa e en todo o mundo, de elixir o seu propio camiño. Isto non está suxeito ao veto de ninguén. Trátase dunha discusión entre o país e a organización á que se quere unir".

Geoana aludiu á posibilidade de que a OTAN aborde tamén no futuro a adhesión de Xeorxia e lembrou que "a política de portas abertas segue sendo sacrosanta para a OTAN e podo dicir que Xeorxia é un socio moi importante".

"O Mar Negro está a adquirir cada vez máis importancia, estamos a ver as consecuencias do bloqueo no Mar Negro no intento ruso de afogar a economía de Ucraína e tamén para crear inseguridade alimentaria en moitas outras partes do mundo", asegurou.

Parabéns por Eurovisión

O vicesecretario xeral da OTAN tamén felicitou a Ucraína pola súa vitoria no festival de Eurovisión, celebrado o sábado en Italia. Considera que é unha mostra do "inmenso apoio público" a ese país.

"Gustaríame felicitar a Ucraína por gañar o festival de Eurovisión e isto é algo que non digo dunha maneira lixeira porque onte vimos o inmenso apoio público de toda Europa e Australia pola súa coraxe", declarou á prensa Mircea Geoana.

"Desde logo, a canción era fermosa", agregou sobre o tema interpretado en Turín por Kalush Orchestra, o representante ucraíno no festival musical.

"A mensaxe que queremos enviar ao señor Putin é que eles comezaron a guerra máis brutal e cínica desde a II Guerra Mundial e que seguramente se sorprendeu polo valor do pobo ucraíno e a unidade política de Occidente (...). O que digo é que estamos unidos, somos fortes e axudaremos a Ucraína a gañar esta guerra", agregou nunha mensaxe ao presidente ruso. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade