Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ourense desmárcase da proposta da Xunta e presentará candidatura para a AESIA

Ourense desmárcase da proposta da Xunta e presentará candidatura para a AESIA

A decisión adoptouse en pleno por unanimidade e contou co apoio do PP local

G24.gal 07/11/2022 20:39

O concello de Ourense desmarcouse finalmente da decisión da Xunta e optou por seguir adiante coa presentación da súa propia candidatura para albergar a sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA), a pesar da aposta da Administración autonómica pola cidade da Coruña.

Decisión por unanimidade

Este paso prodúcese despois de que o pleno do consistorio aprobase o pasado venres por unanimidade que a cidade siga adiante no proceso.

Todos os grupos políticos votaron a favor da proposta, incluído o PP, ao considerar que a cidade cumpre cos requisitos para albergar esta axencia, lamentando non contar co apoio do Goberno galego para iso.

"Cumprimos todos os requisitos e somos os mellor situados de España", esgrimiu o alcalde ourensán Gonzalo Pérez Jácome, quen recoñeceu a dificultade de que finalmente Ourense sexa elixida, ao entender que "vai ser unha decisión política na que se cadra non se seguen os criterios de obxectividade necesarios, como non os seguiu a Xunta de Galicia cando non apostou por Ourense e inclinou a balanza a favor da Coruña de forma inxusta”.

O rexedor confiou en que o Goberno "non sexa tan inxusto" como a Xunta e "siga os requisitos técnicos" e Ourense poida finalmente optar á sede. En concreto, a capital das Burgas solicitou acoller tanto a sede da futura Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial como a Axencia Espacial Española. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade