Pablo Dapena anuncia a súa retirada do tríatlon profesional ao remate desta temporada
Pablo Dapena anuncia a súa retirada do tríatlon profesional ao remate desta temporada
Di que quere pasar máis tempo coa súa familia
Pablo Dapena levaba practicamente dous anos dándolle voltas a unha idea, a de apartarse do tríatlon profesional: co fondo das lesións e a paternidade, non lograba atopar o equilibrio que lle leva a reverdecer os éxitos de 2018, cando se coroou na clasificación Challenge Family e deu o salto internacional. Por desgraza para os afeccionados, a decisión xa é firme.
El mesmo fíxoo público nas súas redes sociais. Aos seus 35 anos o galego, un dos nosos mellores deportistas de media distancia e cunha dilatada carreira, de máis de dúas décadas dedicadas ao deporte, di adeus.
O pontevedrés explicou os motivos da súa retirada nunha nota:
"Motivo só hai un e o máis importante, pasar máis tempo coa miña familia. Todo o mundo coñece as esixencias tanto físicas como mentais, as horas de adestramento e descanso necesarias que este deporte implica".
"Desde hai 21 meses, as prioridades cambiaron, este ano perdinme momentos fundamentais e por desgrazas non vou poder darlle á tecla de rebobinar e recuperalos, así que, este é o motivo da miña retirada profesional".