Publicador de contidos
Publicador de contidos

O alcalde de Palas non dubida que Altri cumprirá coas máximas garantías medioambientais

O alcalde de Palas non dubida que Altri cumprirá coas máximas garantías medioambientais

O alcalde, Pablo Taboada, di que "este é o momento de coñecer en detalle ese proxecto industrial" de fibras téxtiles con eucaliptos

Admite que hai "voces discrepantes e voces favorables" entre os veciños e apela a que Europa é "moi esixente" con este tipo de fábricas

Pablo Taboada, alcalde de Palas de Rei
G24.gal 22/03/2024 10:30 Última actualización 22/03/2024 14:21

O alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, asegura que o Concello está analizando o proxecto de Altri. Así o afirmou nunha entrevista no Galicia por Diante da Radio Galega. Non obstante, sinala que "este é o momento de coñecer en detalle ese proxecto industrial".

Altri estaba desenvolvendo charlas informativas en distintos concellos da comarca da Ulloa para dar a coñecer o seu proxecto industrial, que busca fondos europeos para poñer en marcha a fábrica de fibras téxtiles con eucaliptos.  

A compañía portuguesa suspendeu ás charlas previstas onte á tarde en Santiso, Agolada e Antas de Ulla despois de "houbera algún problema onte en Melide" con varios dos asistentes, segundo a empresa. 

O alcalde de Palas de Rei admite que entre os veciños "hai voces discordantes e voces favorables" á implantación da planta de Altri. Nese senso, afirma que "agora é o momento, precisamente, de analizar o proxecto. Se algunha voz necesita presentar algún tipo de alegación ou de recomendación ou o que sexa, estamos nesa fase precisamente. Levamos dez días co proxecto en exposición pública. Eu creo que debemos analizar o proxecto e non admitir xuízos sen coñecelo en profundidade. Para iso estaban esas charlas".

Pablo Taboada explica que "desde o Concello [de Palas de Rei], á parte da charla que xa tivo lugar, que era unha explicación máis técnica sobre a implantación desta industria, estase atendendo aos propietarios con bens e dereitos afectados. Estáselles informando un pouco para delimitar as súas parcelas, para acreditar as titularidades se é o caso e para explicarlles un pouquiño a información que nós temos aquí. Se o concello vai presentar algunha alegación, pois é probable que teña que presentar algunha se o considera oportuno nalgunha cousa que se poida mellorar ou que se poida corrixir".

Os terreos onde se quere implantar Altri son privados. Sobre posibles dificultades para adquirilos, o alcalde de Palas de Rei di que "de momento, o que estou percibindo é que a finca principal, que é a finca máis grande, do finado Leandro Quintas, e o resto son parcelas de diferentes tamaños e de múltiples propietarios, eu o que estou vendo e que a xente está interesándose, sobre todo, o que agora se quere saber é o tipo de acordo e o prezo".

Admite que hai "voces discrepantes e voces favorables" entre os veciños e apela a que Europa é "moi esixente" con este tipo de fábricas

Indica que "o que fixeron son os traballos arqueolóxicos e xeolóxicos na finca principal pero construtivos non, porque agora mesmo se está coa declaración de impacto ambiental, que ten que cumprir todas as medidas que se lle impoñan. Hai que recordar que este é un proxecto que é susceptible de financiamento por parte de Europa e Europa é moi esixente".

Distintos colectivos e veciños críticos poñen o foco no alto consumo e no tratamento da auga que vai facer esta planta de Altri en Palas de Rei. Nos últimos días tamén amosaron o seu malestar coa extracción de pasta de celulosa. Neste senso, o rexedor, Pablo Taboada, corrobora que "a información que eu teño é a que vén no documento de declaración ambiental e a explicación que se deu alí o outro día é pasta soluble para fibras téxtiles e logo hai unha segunda liña que é a de lyocell, que xa directamente é para a industria téxtil, e incluso nunha segunda fase do proxecto, un pouco máis adiante, vai a transformación e á reciclaxe desas propias fibras téxtiles cando entren en desuso".

Considera que "temos que analizar o proxecto con seriedade. O proxecto está sendo presentado en Europa e os atrancos e os filtros que ten Europa para este tipo de proxectos pois van ser os máximos como estamos vendo noutros proxectos, que moitos deles quedan fóra nun momento dado por non cumprir os estándares de calidade medioambiental que Europa nos está impoñendo. Creo que agora mesmo temos que analizar o proxecto en cuestión, presentar e propoñer o que consideremos conveniente desde os diferentes colectivos. Nas administracións locais hai varios concellos, non só Palas de Rei, xa que hai outros concellos que están afectados directamente e outros indirectamente e propoñer as suxestións que creamos oportunas e esta é a fase de facelo".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade