Publicador de contidos

Publicador de contidos

Pardo de Vera di que Ábalos preguntoulle sobre Ineco, a empresa que logo contratou a súa parella

Pardo de Vera di que Ábalos preguntoulle sobre Ineco, a empresa que logo contratou a súa parella

A ex presidenta de Adif di que tan so explicou a Ábalos e García o sistema de contratación, e que non fixo xestións en favor de ninguén

Como declarara tamén na Audiencia Nacional, negou recibir indicacións de Ábalos para a compra de máscaras durante a pandemia

Pardo de Vera, chegando este mércores ao Tribunal Supremo (Rodrigo Jiménez-Efe) Pardo de Vera, chegando este mércores ao Tribunal Supremo (Rodrigo Jiménez-Efe)
G24.gal 05/03/2025 15:21

A exsecretaria de Estado de Transportes e expresidenta de ADIF, a luguesa Isabel Pardo de Vera, declarou no Tribunal Supremo que o exministro José Luis Ábalos preguntoulle como funcionaba o proceso de contratación de persoal administrativo en Ineco, onde foi contratada a súa amiga íntima Jéssica e o irmán do seu ex asesor.

Segundo informaron fontes xurídicas, a tamén ex secretaria de Estado de Transportes mencionou que tanto Ábalos como o seu exasesor Koldo García interesáronse polo modo de contratar nesa empresa, e sinalou que ela simplemente lles explicou o procedemento de contratación, a través dunha páxina web, pero non fixo xestións en favor de ninguén.

Pardo de Vera respondeu así ao ser preguntada pola contratación na empresa -na que tamén traballou o irmán de Koldo García- da exparella de Ábalos, quen recoñeceu ao xuíz cobrar sen ir traballar.

Da súa resposta, algunhas fontes xurídicas consultadas interpretan o suposto interese do exministro e do seu exasesor pola contratación de ambos en Ineco.

Pardo de Vera, que declarou este mércores como testemuña na causa aberta a José Luis Ábalos, tamén relatou que o exministro e o seu exasesor interesáronse nunha ocasión por dous contratos de ADIF adxudicados ás empresas Levantina e Murias, debido a que estas se queixaban de pagos pendentes, aínda que ela revisou toda a documentación e comprobou que todo estaba correcto.

Como fixo tamén na Audiencia Nacional, negou recibir indicacións de Ábalos e explicou a adxudicación dun lote de máscaras por 12,5 millóns de euros á empresa Soluciones de Gestión en 2020.

Indicou que lle remitiron o nome desta empresa desde o Ministerio, aínda que non lembra quen, porque Portos do Estado xa lle adxudicaba previamente outro contrato, e volveu a aludir ao contexto de présa que existía neses momentos de pandemia.

Molesta pola presenza de Víctor de Aldama

De acordo ás fontes, tamén indicou que nalgún momento mostrou a súa desconformidade respecto á presenza do empresario Víctor de Aldama no Ministerio de Transportes.

Tras ela, o director xeral de Estradas entre 2018 e 2022, Javier Herrero, defendeu a legalidade dos contratos do seu departamento, fronte á versión de Aldama, que falou de supostos contratos preadxudicados e presentou unha folla duns Orzamentos Xerais con subliñados. El indicou que non ten constancia de irregularidade en ningunha licitación.

Explicou que todos os contratos fixéronse con normalidade e que nunca percibiu nada irregular por parte de ningún funcionario ou construtora, á vez que negou recibir ningunha indicación do exministro ou coñecer a Aldama.

Si que coñecía a Koldo García, como asesor de Ábalos, con quen tratou fundamentalmente para asuntos de loxística, segundo as fontes.

Tamén testificaron un exoficial maior do Ministerio de Transportes e o construtor Manuel Contreras, presidente do grupo Azvi, quen explicou que contratou en 2023 a Koldo García para abrir mercado en América do Sur.

Contreras tentou querelarse contra Aldama polas acusacións vertidas contra a súa empresa sobre o presunto pago de comisións a cambio de contratos públicos.

Os testemuños deste mércores poñen fin á rolda de testemuñas que programou o maxistrado Leopoldo Puente, á espera dos informes que solicitou á Garda Civil, un deles sobre o patrimonio do exministro Ábalos e do seu fillo.

Novas acusacións contra o ministro Torres

Na comisión creada no Senado para investigar as adxudicacións de contratos durante a pandemia, o presidente da Audiencia de Contas de Canarias volveu apuntar o ministro Ángel Víctor Torres, ex presidente da comunidade insular. Pedro Pacheco declarou que o organismo que preside detectou irregularidades contables na compra de material sanitario durante o mandato de Torres. 

Comisión no Senado

Un exalto cargo do Goberno de Canarias aseguraba este mércores no Senado que a empresa da trama Koldo tiña o aval do Ministerio de Transportes. Antonio José Olivera, que agora é xefe de gabinete do ministro Torres, di que non sospeitaron dos contrato de material sanitario con Soluciones de Gestión porque o prezo era axeitado e a entrega foi en prazo.

O momento máis tenso na súa comparecencia na comisión de investigación produciuse a propósito do apremio de Koldo García para que aceleraran o pagamento dun dos envíos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade