Pecha por xubilación o taller de gaitas máis veterano de Galicia
Pecha por xubilación o taller de gaitas máis veterano de Galicia
A falta de remuda xeracional impide a continuidade do taller dos García de Riobó tras máis de dous séculos de actividade
Case medio século facendo pezas de gaita a partir de madeira en bruto de buxo e outras variedades é o que leva Joaquín no que é o derradeiro taller desta especialidade no concello da Estrada. Mirando ao resto de Galicia, é o máis antigo en funcionamento. Pero, chega a súa xubilación nun traballo en que empezou con 17 anos de idade.
"Desde o 76. -Vai parar de todo? -Si. -E afarase sen vir ao taller? -Non, aquí haberá que vir", engade Joaquín.
A falta de remuda neste taller vencellado cun nome, Joaquín, e cun apelido, García, vai supoñer o cesamento dunha actividade secular en San Martiño de Riobó. Non hai mans que queiran seguir co negocio familiar.
Joaquín Espiño Martínez fai gaitas e requintas e incide en que non hai "ninguén. As fillas teñen a súa carreira e ningunha é con isto. Tampouco é bo momento nesta actividade, porque as vendas baixaron moito".
"Empezou (o taller) en 1790 con Joaquín García Rey. Seguiu Domingo Antonio García, Joaquín García García, Joaquín Espiño García e logo Joaquín Espiño Martínez, que son eu", relata repasando todos os que pasaron por este obradoiro.
Todo neste centenario taller baixará de ritmo coa chegada do seu derradeiro artesán á idade de xubilación, na véspera do patrón da parroquia.