Puy recibe a alta despois do infarto sufrido durante o debate de investidura
Puy recibe a alta despois do infarto sufrido durante o debate de investidura
Permaneceu ingresado desde o pasado xoves no Clínico de Santiago
Polo momento non se reincorporará aos seus labores como portavoz do PPdeG
O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, recibiu a alta hospitalaria despois de catro días ingresado a consecuencia dun infarto sufrido o pasado xoves durante o debate de investidura.
Puy regresou ao seu domicilio este luns despois dunha recuperación "favorable". Aínda así, polo momento non se reincorporará aos seus labores no PPdeG para este mércores, cando está prevista a celebración da próxima Xunta de Portavoces. No seu lugar acudirá algúns dos viceportavoces (Miguel Tellado, Paula Prado ou Elena Candia).
O pasado xoves, Pedro Puy realizou a súa primeira intervención na segunda e última sesión do pleno de investidura de Alfonso Rueda e retirouse do hemiciclo despois de sentirse indisposto. Pouco despois foi trasladado en ambulancia ao Hospital Clínico de Santiago, no que permaneceu ingresado ata este luns.
Alfonso Rueda, unha vez investido presidente, informou en redes sociais de que puidera visitar a Puy ao que trasladou toda a súa forza para unha pronta recuperación.
Miguel Tellado foi o encargado de substituír a Puy o pasado xoves na réplica dos grupos parlamentarios ao candidato á Presidencia. Tanto el como os portavoces da oposición desexáronlle unha rápida recuperación durante as súas segundas intervencións.