Publicador de contidos
Publicador de contidos

António Costa prioriza ante Pedro Sánchez o AVE a Vigo no cumio hispano-luso

António Costa prioriza ante Pedro Sánchez o AVE a Vigo no cumio hispano-luso

Portugal e España comprométense a mellorar as conexións ferroviarias entre ambos países e implantan a guía de traballadores transfronteirizos

Ambos mandatarios coinciden na importancia da cooperación ante a crise enerxética 

G24.gal 04/11/2022 14:49 Última actualización 04/11/2022 20:32

España e Portugal celebran anualmente este cumio para abordar as relacións bilaterais e os asuntos de actualidade para os dous países. Nesta trixésimo terceira edición, o Goberno luso elixiu Viana do Castelo para acoller o encontro.

Na praza da República desta localidade, António Costa recibiu a Pedro Sánchez e os membros do executivo que o acompañan. Nove ministros de cada Goberno para asinar acordos en diversas materias.

A enerxía como prioridade

A cooperación en materia enerxética é un dos asuntos principais deste cumio. España e Portugal queren blindar o traballo conxunto que están facendo para impulsar as interconexións da Península Ibérica con Europa.

Sánchez e Costa preparan a reunión que van manter con Macron dentro dun mes en Alacante sobre o corredor de enerxía verde que unirá Barcelona con Marsella. A idea dos gobernos é presentar o proxecto do BarMar na Comisión Europea antes do 15 de decembro, como avanzaron Portugal e España neste cumio bilateral.

O presidente español anunciaba estes avances hai dúas semanas, tras o cumio europeo. "Vai permitir poñer todas as capacidades da Península Ibérica ao servizo das necesidades presentes da Unión, neste contexto de crise enerxética, e por tanto estamos ante unha excelente noticia".

Costa puxo en valor a cooperación entre os países nos seus obxectivos comúns neste contexto complexo de crise enerxética. "Permitiu encontrar respostas para problemas difíciles e abrir camiños para boas solucións", aseverou.

Conectar a Península

Tamén se abordan as melloras de infraestruturas transfronteirizas e de transporte, como a rehabilitación da ponte sobre o Miño que une Salvaterra e Monção.

Sobre a mesa tamén están a conexión ferroviaria entre os dous países, unha demanda estratéxica para Galicia, e a xestión dos ríos fronteirizos.

A este respecto, o mandatario luso incidiu na importancia das conexións entre países no marco da descarbonización e puxo en valor a primeira de alta velocidade en Portugal: a que vai de Lisboa a Vigo.

Guía dos traballadores transfronteirizos

España e Portugal seguen traballando de forma intensa para facer da Raia Ibérica un territorio de oportunidades. É a fronteira máis extensa e antiga da Unión Europea e o compromiso busca construír cohesión social e territorial. 

Pedro Sánchez informou de que "ámbolos dous países encargámoslle á Agrupación Europea de Interese Económico de Alta Velocidade España-Portugal que se realicen os estudos de demanda, de análise de rendibilidade, de modelo de explotación e estudos para a planificación do tramo conxunto transfronteirizo desta conexión".

Nese senso, e en cumprimento da Estratexia Común acordada en 2020, no cumio asinouse a posta en marcha dunha guía práctica para o traballador transfronterizo, unha axenda cultural común, un MoU en materia de loita contra a violencia machista e unha estratexia de turismo que revitalice as localidades a ambos lados da fronteira.

Innovación tecnolóxica e industria microelectrónica

Pero a reunión a alto nivel xira nesta edición arredor da innovación científica. Antes do cumio, Pedro Sánchez e António Costa visitaron o Laboratorio Ibérico de Nanotecnoloxía, en Braga, onde mantiveron un encontro cos investigadores.

O presidente Sánchez destacou a estratexia conxunta para "crear unha industria de microelectrónica e semicondutores na Península Ibérica" que sexa competitiva na contorna comunitaria, "moi importante para o sector de automoción"

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade