Pelosi di que "nunca abandonarán Taiwán"
Pelosi di que "nunca abandonarán Taiwán"
A visita da presidenta do Congreso dos EUA indigna o Goberno chinés
Pequín advirte de "medidas contundentes e efectivas" en resposta á "provocación"
A vista de Nancy Pelosi a Taiwán durou menos de 24 horas. A presidenta do Congreso e terceira autoridade dos Estados Unidos visitou o Parlamento e reuniuse cunha delegación de activistas de dereitos humanos e coa presidenta do país.
Ante ela, Pelosi explicou que a determinación dos Estados Unidos de preservar a democracia na illa segue inalterable. "Non abandonaremos o noso compromiso con Taiwán", dixo Pelosi.
A súa viaxe desatou a ira do goberno chinés, que reclama Taiwán como parte do seu territorio. "Foi unha completa farsa", dixo o ministro de exteriores chinés, Wang Yi, quen advertiu de que quen ofenda A China será castigado.
Unha voceira do seu departamento adiantou que preparan medidas contundentes e efectivas en resposta ao que consideran a violación dunha liña vermella.
De momento, Pequín xa prohibiu a importación de centos de produtos de Taiwán. Ademais, despregou buques militares no Estreito de Formosa para unhas manobras que o Goberno taiwanés considera pouco menos que un bloqueo.
Taiwán tamén denuncia que 21 avións chineses violaron o seu espazo aéreo pouco antes da aterraxe de Pelosi.
Pequín chamou o embaixador estadounidense para elevar unha protesta formal. A Casa Branca lembrou que o poder lexislativo é independente nas súas decisións e desvinculouse da viaxe.
Taiwán foi o lugar onde se refuxiou o bando perdedor na guerra civil chinesa que gañaron os comunistas de Mao Zedong.
70 anos despois permanece nun limbo diplomático, un país sen recoñecemento internacional pero con institucións democráticas e que a China segue considerando unha das súas provincias.