Ucraína rexeita renunciar á OTAN e recoñecer a independencia do Donbás como esixe Putin
Ucraína rexeita renunciar á OTAN e recoñecer a independencia do Donbás como esixe Putin
Kiev fala de pequenos avances con Moscova para establecer corredores humanitarios tras tres intentos falidos
O exército de Putin intensifica o seu asedio ás cidades do Mar Negro
Un bombardeo ruso sobre unha panadería deixa polo menos 13 mortos
Rusia e Ucraína pecharon a terceira rolda de negociacións con pequenos avances sobre a creación de corredores humanitarios, pero sen ningún acordo concreto que permita falar dun alto o fogo.
Non se cumpren ningunha das condicións que puxeron ambas as partes. Kiev esíxelle a Moscova que deteña os ataques contra a poboación civil.
Rusia pide que Ucraína lle ceda Crimea e recoñeza a independencia de Donetsk e Luhansk. Os ministros de Exteriores dos dous países anuncian que se reunirán persoalmente esta semana en Turquía para buscar unha saída ao conflito.
Segundo comentou o asesor da Oficina do Presidente ucraíno Mikhailo Podoliak, eses "pequenos avances" déronse no eido da mellora da loxística dos corredores humanitarios para evacuar a poboación civil.
Zelenski non acepta ultimatos
O presidente de Ucraína Volodimir Zelenski respondeu de forma tallante ás esixencias do Kremlin. Non acepta o seu ultimato para frear a invasión e pediulle ao seu homólogo ruso Vladimir Putin que saia da súa "burbulla e permita o diálogo".
"Este é outro ultimato e non estamos preparados para ultimatos", afirmou Zelenski.
Zelenski pide boicotear as exportacións rusas
O presidente Zelenski pídelle á comunidade internacional que boicotee as exportacións rusas, especialmente de petróleo, e reclama avións militares para defenderse.
Desde este luns Hungría desmárcase do resto de países da Unión Europea e prohibe o paso de armas destinadas a axudar a Ucraína.
Zelenski reclama ademais novos corredores humanitarios para evacuar a poboación e denuncia que os que ofreceu o Kremlin desembocan todos en Rusia e en Belarús. Algo que considera que forma parte dunha estratexia de propaganda interesada de Rusia para limpar a súa imaxe ante a comunidade internacional.
Aumentan as vítimas civís
Nas zonas asediadas a poboación civil converteuse en obxectivo dos bombardeos, que xa deixan máis de 900 localidades ucraínas sen auga, electricidade e calefacción en pleno inverno, segundo informaron as autoridades do país.
"Bárbaros do século XXI. A Federación Rusa xa destruíu 202 escolas, 34 hospitais, máis de 1.500 edificios residenciais", escribiu en Twitter Mikhailo Podoliak, o asesor da Oficina do Presidente de Ucraína.
Bombardeo nunha panadería con 13 mortos
Este luns trece persoas perderon a vida por mor dun bombardeo ruso sobre unha antiga panadería preto da localidade ucraína de Makárov, na rexión de Kiev, informaron as autoridades ucraínas.
Tamén deron conta doutros cinco civís falecidos e catro militares nun aeroporto do oeste de Ucraína polo impacto duns oito mísiles rusos este domingo.
Ofensiva rusa en Ucraína
O convoi militar que leva unha semana avanzando cara á capital non chegou aínda ás portas da cidade, onde a poboación se prepara para resistir un longo asedio.
Ao noroeste da capital, a poucos quilómetros, as tropas rusas bombardean obxectivos militares e civís en Gostomel, Bucha e Irpin, escenario dun dos maiores éxodos da poboación no que vai de contenda.
"Está sendo moi complicado sacar a xente de aquí. Os rusos lanzaron unha bomba mentres evacuabamos nenos e anciáns. Faleceron seis persoas diante de min", di un militar.
"Levamos días sen luz, nin auga nin calefacción.... pechados nun soto. Ímonos porque aquí é imposible vivir", di unha economista de 54 anos, que foxe coa súa parella.
A ofensiva rusa tamén recrúa polo leste, con ataques encarnizados sobre Kharkiv, a segunda cidade do país, que está practicamente destruída.
E paralelamente polo sur, onde Putin aspira a controlar todo o corredor do mar Negro, os bombardeos continúan sobre as cidades de Mariupol e Mikolaiv.
Controlalas sería un paso definitivo no avance cara a Odesa e suporía deixar Ucraína incomunicada por mar.