Persoas sen vacinar, a metade dos ingresos en UCI
Persoas sen vacinar, a metade dos ingresos en UCI
Galicia supera os 28.000 casos activos e máis de 3.000 nun só día
Galicia rexistrou case 3.300 contaxios nas últimas 24 horas, máis que en calquera outro momento da pandemia. Hai máis casos activos ca nunca, pero a presión hospitalaria é moito máis baixa.
O conselleiro de Sanidade ofreceu un dato significativo: "Os non vacinados, que son o 6 % dos galegos, están a provocar a metade dos ingresos na UCI. Onte comunicamos 8 falecidos e a metade estaba sen vacinar", explicaba Julio García Comesaña.
Desde a Xunta decláranse preocupados, pero non alarmados, pola explosión de casos das últimas semanas.
Preocupados porque nos 28 días que van de decembro a cifra de contaxios multiplicouse por cinco, porque a taxa de positividade é do 15 % e porque a incidencia a 14 días roza xa o milleiro de casos por cada 100.000 habitantes.
Se non saltan as alarmas é polas cifras dos hospitais: con moitos máis casos, hai un 80 % menos ingresados ca o pasado xaneiro.
Dos máis de 28.000 casos activos, a área sanitaria de Vigo concentra un de cada 3, e tamén un terzo dos 305 hospitalizados na comunidade.
Concellos como Baiona están cerca dos 3.000 casos de incidencia a 14 días. Nos concellos da provincia, o 10 % de todas as infeccións notificáronse nas últimas 24 horas.