Gómez Rial: "As novas cepas non van ter o impacto das primeiras ondas"
Gómez Rial: "As novas cepas non van ter o impacto das primeiras ondas"
O inmunólogo do complexo hospitalario de Santiago avoga por personalizar a vacinación
Coa redución dos indicadores principais de risco da covid, varios son os especialistas que avogan por un cambio na estratexia de enfrontamento á pandemia. Avogan, sobre todo, por personalizar a vacinación, fuxindo dunha inmunización indiscriminada e priorizando os colectivos máis expostos a unha evolución grave da enfermidade.
"Os datos están apuntando a que a terceira dose na poboación máis nova, inmunocompetente, non ten beneficio ou é moi baixo. Se o risco é baixo e o beneficio é baixo, a vacina non está indicada. Si cremos que está indicada na poboación vulnerable", asegura José Gómez Rial, inmunólogo do complexo hospitalario universitario de Santiago de Compostela (CHUS).
Para desenvolver esta estratexia personalizada empregaríanse probas que permitan medir o nivel de resposta inmunitaria do paciente fronte ao virus.
"Estámonos atopando con persoas con tres doses postas de vacinas que non desenvolveron nin inmunidade de anticorpos nin inmunidade celular. Pensamos que agora está moi indicado medir ese tipo de inmunidade tanto celular coma serolóxica, de anticorpos, neste grupo de poboación vulnerable para estratificar o risco individual de cada unha destas persoas que tende a desenvolver a enfermidade grave", defende José Gómez.
Deste xeito, non cumpriría unha dose de reforzo en persoas xa vacinadas e que xa pasaran a enfermidade, porque a súa inmunidade xa é máxima. E precisamente grazas ao estado da vacinación da poboación, os especialistas non contan cunha nova vaga da gravidade das primeiras.
"A inmunidade xerada polas vacinas e pola infección natural que supuxo a ómicron, é unha garantía de que nas vindeiras variantes que veñan, o impacto que van ter a nivel de hospitalización e de mortalidade, non vai ser o mesmo que o que tivemos nas primeiras ondas", prognostica o inmunólogo do CHUS.
Con todo, afirma, o virus non desapareceu e non se debe baixar a garda.