Publicador de contidos
Publicador de contidos

Piden paralizar as obras nun tellado en Viana do Bolo polos danos que causa nas vivendas

Piden paralizar as obras nun tellado en Viana do Bolo polos danos que causa nas vivendas

Fendas, humidades e teitos derruídos son algunhas das consecuencias que os veciños aseguran que lles están a traer estas obras 

G24.gal 22/01/2024 14:40

As obras que están a facer no tellado dun edificio en Viana do Bolo son motivo da discordia. Comezounas un dos propietarios hai tres anos e dende aquela os problemas no resto das vivendas son unha constante.

Os veciños din que lles provocan fendas, humidades, mesmo teitos derruídos; en resumo, unha preocupación constante, din, por se as obras chegan a causar danos irreversibles na estrutura do inmoble. Contan que presentaron xa varias denuncias, pero sen éxito polo de agora. 

"Empezou quitando o tellado daquela parte, foi comendo tellado, e aquí cortou unhas vigas de contención, cortounas cun machete, e iso fixo que o tellado baixara"

Deste xeito relata Yolanda como comezaron os problemas neste edificio de Viana en que residen. O veciño do último andar comezou a obrar no tellado e agora falta xa boa parte da cuberta, co conseguinte dano para as vivendas. Así o explica Yolanda Revesal, unha das inquilinas.

"Hai un piso que xa lle está chovendo, outro que lle está caendo o teito da súa casa. Seprona levantou oito denuncias por todo o lixo, refugallos, rodas que se ven a simple vista, pero pola parte de atrás tamén. Todo o que el desfai, madeiras que quita, tellado..., todo está na parte de atrás".

Francisco Clavería é propietario de dúas vivendas no edificio que acabara de arranxar para poñelas en alugueiro.

"Chove coma fóra, caeu todo. Estamos que se está derrubando o edificio e ninguén nos axuda. Ben vedes vós como está todo e non hai maneira de parar isto. Meteu a auga polos pisos, por encima de nós vive el e vive un irmán, non sei como vivirá ese home aí. Mira como está o noso, imaxina arriba". 

A humidade e a auga entraron de tal xeito que a algún veciño literalmente choveulle na cama. 

"Pois mira, aquí nesta parede chóvelle e está cheo de humidade, aquí é onde lle cae a auga. Este señor estaba durmindo aquí e dixémoslle que cambiara de habitación porque así non pode estar este home aquí", conta outro dos inquilinos.

Os cascallos acumulados no patio traseiro impídelles acceder a caldeira para poder poñer en marcha a calefacción. O faiado está cheo de refugallos e temen que en calquera momento poida vir abaixo.

Puxeron xa varias denuncias pero a xustiza non lles deu a razón. Din que precisan que a obra se paralice canto antes. Dende o Concello din entender a preocupación dos veciños e que tamén eles queren parar os traballos. Aseguran que dous avogados preparan informes para o consistorio que dean fe da gravidade da situación. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade