Piden conservar un castiñeiro centenario derrubado en Burela
Piden conservar un castiñeiro centenario derrubado en Burela
O temporal Karlotta arrincou a árbore hai semanas, e dende aquela ocupa un camiño
O exemplar ten un gran valor simbólico para a veciñanza do barrio máis antigo da vila
O Concello burelao avalía varias posibilidades para lle dar unha segunda vida
Unha árbore centenaria leva semanas derrubada en Burela. É o castiñeiro do Río da Vila, que tirou abaixo o temporal Karlotta. Os veciños da contorna considérano un emblema do seu barrio, o máis antigo deste concello mariñao.
Tanto para a veciñanza como para os turistas, esta árbore tiña un especial significado. Uns recórdana de toda a vida neste lugar, mentres que outros paraban ao seu carón para descansar.
Herminia Pernas, cronista oficial de Burela: "Viñan facer as reunións aquí, como punto de encontro que era. Había dous castiñeiros, un secou e só quedaba este, que era bastante senlleiro".
Os residentes na Vila do Medio piden agora que o castiñeiro sexa conservado na medida do posible. Pola súa parte, no Concello de Burela están a estudar a forma máis viable de darlle unha segunda oportunidade a esta árbore singular.
Carmela López, alcaldesa de Burela: "O que consideramos, polo que dixo o técnico municipal de Medio Ambiente e unha empresa con que falamos, era cortalo, deixar a raíz, darlle a volta para que puidese rebrotar".
En calquera caso, a solución terá que vir axiña, posto que o castiñeiro caído está a ocupar a vía pública.