Pilar Alegría defende os "debates construtivos" sobre leis educativas
Pilar Alegría defende os "debates construtivos" sobre leis educativas
A ministra de Educación participou en Santiago no foro Talentia Summit, onde Feijóo destacou a aposta da Xunta pola FP
Este xoves hai convocados paros de estudantes en varias cidades españolas contra dúas reformas universitarias. Os convocantes cren que o proxecto de Lei Orgánica do Sistema Universitario non mellora a LOU nin garante a modernización dos títulos. Tamén protestan polos cambios na lei que regula os conflitos na Universidade. A ministra de Educación e Formación Profesional, que hoxe participou no Talentia Summit que se celebra en Santiago, cre que é normal, mesmo bo, que as reformas educativas susciten debate.
Pilar Alegría eludiu a polémica sen entrar no fondo do asunto, pasar de curso mesmo suspendendo, e dixo que é normal que haxa debate cando falamos de educación, que o que importa é que sexa construtivo.
"Agora, entrando a este acto, tiña que atender aos medios de comunicación e preguntábanme sobre a educación e o debate que xera a mesma. Eu creo que todos os que estamos aquí sabemos que cando nun país se aproban leis educativas ou simplemente cando falamos de educación, xérase, é inevitable simplemente que se xere debate. Eu sempre fun partidaria, é positivo que se xeren debates, pero é moito máis positivos que sexan debates construtivos".
"Estamos potenciando a FP"
A ministra de Educación defende que cómpre educar para o mundo que vén non para o que pasou; que hai que adaptar a educación aos tempos con competencias dixitais, capacidade de relacionar coñecementos e pensamento crítico. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Fejóo, coincidiu con ela na importancia da Formación Profesional.
"Estamos, efectivamente, potenciando a FP, para que?: para que sexa o eixe da revolución educativa e da revolución laboral. Para nós é. Para os galegos, malia estigmas equivocados, éo cada vez máis. Temos 60.500 alumnos no presente curso, é a cifra récord e cada ano imos batendo récords na formación profesional", asegurou o presidente galego.
Alberto Núñez Feijóo repetiu que a oferta académica debe ser acorde ás necesidades do tecido empresarial.