Pyonyang presenta o seu mísil intercontinental máis sofisticado
Pyonyang presenta o seu mísil intercontinental máis sofisticado
Teoricamente xa podía alcanzar todo o territorio estadounidense e a práctica totalidade do planeta, fóra de Suramérica
Corea do Norte desvelou que o xoves lanzou un mísil balístico intercontinental (ICBM) de combustible sólido bautizado como Hwasong-18, unha arma que teoricamente pode alcanzar os EUA e é moito máis eficiente e difícil de detectar en comparación cos proxectís de longo alcance que Pyonyang posuía ata o de agora.
O mísil, que obrigou o xoves ás autoridades xaponesas a activaren momentaneamente as alertas para a poboación, non require do longo proceso de carga de propelente previo ao lanzamento que é necesario nos proxectís de combustible líquido e que os expón durante máis tempo a un posible ataque preventivo do inimigo.
Almacenamento, despregadura e operación son máis fáciles e efectivos co Hwasong-18 en comparación cos ICBM que Pyonyang foi desvelando desde 2017 (Hwasong-14, 15 e 17) e cos que teoricamente xa podía alcanzar todo o territorio estadounidense e a práctica totalidade do planeta, fóra de Suramérica.
Este novo ICBM é un banzo importante á hora de incrementar a variedade e sofisticación dun arsenal que fai xa practicamente imposible tratar de atacar territorio norcoreano sen deparar unha represalia do réxime de Kim Jong-un que custe moitas vidas.
Mellor capacidade de contraataque nuclear
O propio Kim, que dixo que a arma "mellorará a capacidade de contraataque nuclear do país", presenciou onte o lanzamento en compañía da súa filla, a súa muller, a súa irmá, membros do Presídium do Comité Central do partido único e algunhas das principais figuras do programa de armas nacional, segundo informou a axencia estatal KCNA.
"O obxectivo do lanzamento de proba foi o de confirmar o rendemento dos motores de combustible sólido de alta propulsión para mísiles con varias fases e a fiabilidade da separación das mesmas e de varios sistemas de control funcional, e estimar o uso militar deste novo arma estratéxica", engadiu KCNA, que publicou imaxes da correcta separación das tres fases do mísil.
O xoves, o exército surcoreano informou de que detectou o lanzamento dun mísil balístico de alcance medio ou longo desde as proximidades de Pyonyang e que o proxectil percorreu uns 1.000 quilómetros antes de caer en augas do mar do Xapón (chamado mar do Leste nas dúas Coreas).
Os radares nipóns capturaron o lanzamento e estimaron unha traxectoria que indicaba un impacto potencial ao redor da illa setentrional de Hokkaido, polo que as autoridades decidiron activar a alerta cidadá a pesar de que o mísil desapareceu despois das pantallas e acabou caendo nalgún punto indeterminado do mar do Xapón, fóra da zona económica exclusiva nipoa.
Isto explicaríase polo feito de que, tal e como explica KCNA, o exército norcoreano estableceu unha traxectoria balística estándar para a primeira fase do mísil e unha vertical para as outras dúas, o que fixo que o Hwasong-18 trazase primeiro unha parábola e despois remontase o voo en perpendicular.
Desenvolvido en tempo récord
Chama á súa vez a atención o feito de que Corea do Norte desenvolva e probe un ICBM de combustible sólido menos de seis anos despois de testar o seu primeiro mísil equivalente de combustible líquido, un intervalo que foi máis do dobre no caso de xigantes como A China (19 anos) ou A India (13 anos).