Publicador de contidos
Publicador de contidos

Planas, sobre o futuro da pesca: "Só hai sostibilidade se hai rendibilidade para a frota"

Planas, sobre o futuro da pesca: "Só hai sostibilidade se hai rendibilidade para a frota"

O ministro de Pesca dixo que "se queremos descarbonización, maior seguridade e confortabilidade, significa que temos que construír novos buques pesqueiros"

Sobre Conxemar manifestou que "é a historia dun éxito do sector pesqueiro español e dunha gran feira que nos permite reunir o sector e proxectalo de cara ao exterior"

O ministro de pesca, Luís Planas, nunha entrevista no 'Bos días'
G24.gal 01/10/2024 09:27 Última actualización 01/10/2024 13:02

Este mediodía abre as súas portas Conxemar, un dos habituais a esa cita é o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación. E desde Vigo, antes de que se produza esa inauguración, o informativo 'Bos días' abordou con Luis Planas os retos e as principais cuestións que marcan o devir dun dos sectores fundamentais para Galicia: o do peixe.

"A historia de Conxemar é a historia dun éxito do sector pesqueiro español e dunha gran feira que nos permite reunir ao sector e proxectalo de cara ao exterior. Estamos en Vigo, o porto pesqueiro máis importante da Unión Europea e esta feira ten un alcance internacional moi importante. Esta é unha grande ocasión para analizar o presente e o futuro do sector pesqueiro", manifestou Planas.

Ademais de intercambiar experiencias, de falar de política pesqueira de feiras como Conxemar saen acordos de tipo comercial. O ministro de Pesca afirmou que"é unha grande ocasión para ver o que se fai en España e noutros países porque a vocación da nosa frota é internacional".

Planas lembrou que España ten 8.500 buques pesqueiros, a gran maioría en caladoiro nacional, pero tamén unha parte importante en augas comunitarias da Unión Europea e uns 110 barcos en países terceiros. Na súa opinión cre que "podemos sentirnos moi orgullosos da pesca e dos produtos pesqueiros".

Retos do sector pesqueiro

Un dos retos do sector é a sostibilidade, e Planas afirmou que "só hai sostibilidade se hai rendibilidade, e, á súa vez, para que haxa rendibilidade ten que haber sostibilidade para non hipotecar, manifestou, o futuro polo presente". Insistiu na necesaria rendibilidade da frota, un tema, dixo, que sempre teñen en Bruxelas os ministros de Pesca.

Comisario de pesca

Todo parece indicar que vai haber un comisario de pesca específico. O chipriota Costas Kadis é o nome elixido por Ursula von der Leyen como novo comisario de Pesca e Océanos, xa separado da área de Medio. Biólogo de formación, o candidato para substituír a Virginijus Sinkevicius, membro do Partido Popular Europeo, foi ministro de Agricultura e antes ocupara xa outras carteiras do Goberno de Chipre como a de Educación e Cultura, así como a de Saúde. Ao ministro de Pesca parécelle moi ben que haxa un comisario de pesca e que non teñan que reclamar unha carteira de pesca.

"A partir de agora temos que pensar no presente e no futuro, en como conseguimos a rendibilidade da frota que opera en augas comunitarias en países terceiros e, ao mesmo tempo, como lle damos futuro a esa frota e, sobre todo, á pesca extractiva, que é a miña gran preocupación", dixo o ministro de Pesca.

Remuda xeracional

Un tema asociado á continuidade da frota galega é a remuda xeracional e a súa modernización. Plana lembrou que o fondo europeo marítimo da pesca son 1.120 millóns de euros dos que Galicia recibe 366 millóns de aquí ao 2027, que serven para efectuar paradas e outra medidas de apoio.

"Un tema que me interesa moito é que futuro hai para a pesca extractiva. O pesca do século XXI estamos a facela cos barcos do século XX. Renovar a frota é un investimento moi grande e as marxes de rendibilidade para moitos segmentos da frota non están aí e fará falta axuda pública. Este será o debate que quero lanzar na Unión Europea, se queremos descarbonización, maior seguridade e confortabilidade significa que temos que construír novos buques pesqueiros que serán capaces de facer esa selectividade e prohibición de descartes. Teño moi claro que o sector pesqueiro, e en particular o extractivo, ten un futuro, pero temos que poñernos de acordo en como loitamos contra el", manifestou Planas.

Sardiña e PAC

Sobre a sardiña, Planas manifestou que se acaba de realizar un intercambio con Portugal polo que España acaba de conseguir 2.700 toneladas de sardiña, un peixe dixo que "é símbolo en España e en Galicia".

En canto á PAC, Planas dixo que "é un instrumento absolutamente necesario e que Galicia recibe de axudas directas uns 170 millóns de euros dos 360 millóns de euros anuais do conxunto da política agrícola, intentamos realizar unha política orientada cara ás pequenas e medianas explotacións". Planas rematou dicindo que "as características do mundo rural galego son moi específicas e  teñen que ter un apoio que recibe por parte das diversas administracións".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade