Publicador de contidos
Publicador de contidos

ERC advirte a Sánchez de que non conta co seu apoio para salvar o plan anticrise

ERC advirte a Sánchez de que non conta co seu apoio para salvar o plan anticrise

Rufián pide aclarar se houbo orde do Goberno para espiar líderes independentistas: "De momento, pídalle o teléfono ao señor Casero"

O presidente do Goberno defende a legalidade das actuacións do CNI e ofrece diálogo

Sánchez pediulle "formalmente" ao PP o seu apoio ao real decreto de medidas para paliar os efectos económicos da guerra en Ucraína

Gabriel Rufián, este mércores no Congreso (EFE/ J.J.Guillén)
G24.gal 27/04/2022 07:59 Última actualización 15:35

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, pediulle este mércores a ERC "reconstruír a confianza" perdida polo caso da suposta espionaxe a dirixentes independentistas despois de que o portavoz de Esquerra, Gabriel  Rufián, lle advertise que busque outros apoios se non aclara as súas dúbidas.

Sánchez reclamou diálogo para recuperar esa confianza na sesión de control ao Goberno do pleno do Congreso ante unha pregunta de Rufián na que lle instou a deixar claro se houbo orde por parte do Goberno socialista.

A aposta polo diálogo por parte de ERC asegurou Rufián que é "granítica", pero insistiu na necesidade de esclarecer o ocorrido. "Pero, de momento, pídalle o teléfono ao señor (Alberto) Casero", engadiu o portavoz de Esquerra, en alusión ao deputado do PP que, por erro, votou a favor da reforma laboral e permitiu que saíse adiante.

Unha advertencia que chegou un día antes de que o pleno do Congreso vote o decreto do plan contra a crise derivada da guerra de Ucraína e para o que o Goberno non conta aínda cos apoios necesarios.

O xefe do Executivo recalcou que o seu Goberno demostrou a súa vontade de esclarecer os feitos e facelo con transparencia, obxectividade, con rendición de contas e aténdose á legalidade. Nese contexto, afirmou que o seu Goberno e el mesmo demostraron con palabras e feitos a súa firme vontade polo diálogo e por superar unha crise con Cataluña que tivo momentos difíciles en 2017 e 2019.

Para Sánchez a vontade de transparencia e obxectividade demostrouse coa apertura dun control interno no Centro Nacional de Intelixencia (CNI) e co exame que vai levar a cabo o Defensor do Pobo.

Tras resaltar que poucos precedentes diso hai noutros países occidentais, lembrou que este martes se desbloqueou a constitución da comisión de segredos oficiais no Congreso para poder compartir con toda a Cámara as informacións. "Todo o que se fixo desde o Centro Nacional de Intelixencia (CNI) cumpriu escrupulosamente a lei".

Rufián asegurou que "por suposto que o Estado espiou, espía e espiará de forma alegal", algo que dixo que llo comentaron cargos de Interior de gobernos socialistas e do PP en tres comisións de investigación. "A pregunta non é se se espiou, se se espía ou se se espiará, senón se esta vez vostedes o ordenaron. Se o ordenaron é terriblemente grave, pero se non o ordenaron é aínda máis terriblemente grave porque significa que vostedes non limparon as súas cloacas".

Sánchez protagonizou unha anécdota ao comezo do seu cara a cara con Rufián, xa que se dirixiu a el chamándolle "señor Abascal" (con quen debatera previamente noutra pregunta), algo que o presidente do Goberno asumiu que era "un lapso imperdoable". "Que me espíen vale, pero que me chame Abascal, amólame", respondeu o dirixente de ERC.

Pedro Sánchez pediulles "reconstruír a confianza" e agarda pechar esta crise investigando o caso Pegasus na Comisión de Segredos Oficiais. Pero a fórmula que non convence aos nacionalistas. O voceiro do PNV, Aitor Esteban, xa formou parte dela en anteriores lexislaturas e advirte que nesa comisión "nunca se contou un segredo".

Piden unha comisión de investigación pública e que se asuman responsabilidades políticas. Para Mìriam Nogueras, de Junts per Catalunya, "por acción ou omisión, o señor Pedro Sánchez é o máximo responsable da espionaxe ao independentismo".

Pola súa parte, Mireia Vehí, da CUP acusaba o POSE de estar sempre "cando se trata de tapar as cloacas".

Contestoulle aos partidos independentistas a ministra de Defensa. Margarita Robles cre que, cando se constitúa a Comisión de Segredos Oficiais e "poidan ver a documentación,  moitos dos que agora dan leccións terán que calar cando se vexan as actuacións que tiveron". Tamén considera que aos soberanistas "venlles moi ben neste momento aparecer como vítimas".

As palabras de Robles no hemiciclo botaron máis leña ao lume. Tratou de reconducir a situación o ministro Bolaños, reuníndose despois en privado co voceiro de Esquerra. Tirando de ironía, Gabriel Rufián cualificaba o encontro de "inmellorable, porque non se pode mellorar".

Sánchez pide o apoio do PP ao plan anticrise

Ao inicio da sesión de control, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, pediu este mércores "formalmente" ao PP o seu apoio ao real decreto de medidas para paliar os efectos económicos da guerra en Ucraína, cuxa validación será votada o xoves polo Congreso.

"Quedan 24 horas e hai marxe para aplicar máis medidas" que as previstas por un decreto que "chega tarde e escasea", subliñou este mércores a portavoz do PP no Congreso, Cuca Gamarra, na sesión de control ao Goberno da Cámara Baixa.

A voceira do PP recriminoulle que os fogares perdan poder adquisitivo mentres aumenta a recadación fiscal. "Hai marxe para baixar impostos de forma selectiva e temporal", insistiu Gamarra, en referencia concretamente á rebaixa do IVE da luz e do gas ou á deflación do tipo do IRPF, medidas recollidas no plan económico presentado polo PP.

Sánchez ironizou con que non sabe se o que pretende o PP "é facer maxia ou trampas", porque propón baixar impostos e reducir o déficit e a débeda sen afectar os servizos públicos mentres que cando goberna fai o contrario, ao que engadiu que o PP  ten "aversión" ás pensións, que quere "de novo" desvincularse da inflación.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade