A Xunta acelera a vacinación e estende a esixencia do certificado covid
A Xunta acelera a vacinación e estende a esixencia do certificado covid
Citará a partir do 15 ao grupo de 9 e 11 anos para recibir a vacina
Habilitará nas farmacias test gratuitos para menores sen inmunizar
Esixirá certificado en actos masivos e cines, e reducirá comensais por mesa
Antes das vacacións de Nadal, 60.000 rapaces de nove a once anos que non pasaran recentemente a covid recibirán a primeira dose contra o virus en Galicia.
"Os días 15, 16 e 17 vacinarase en horario de tarde e sábado 18 todo o día", explucou Alberto Núñez Feijóo tras o Consello da Xunta deste xoves.
O Sergas vai reforzar tamén os cribados no colectivo dos mais pequenos. A partir da vindeira semana poderán facer tests de saliva gratis nas farmacias os nenos de 5 a 11 anos. Se dan positivo, serán citados para unha PCR nos covid-auto.
RECOMENDACIÓN DE COMENSAIS
E para toda a poboación Alberto Núñez Feijóo anuncia que vai solicitar o aval do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para ampliar o certificado covid a cines e eventos masivos pechados. O presidente pide prudencia nas reunións destas datas.
"Probablemente as ceas non deberían superar os oito comensais, dez como moito. Veremos como se afina este asunto. Se as ceas son con persoas coas que habitualemente temos contacto, serán máis seguras".
O subcomité clínico que asesora a Xunta vai reunirse este venres para analizar as novas e posibles medidas, se aumenta a presión hospitalaria, que cómpre tomar na nosa comunidade para frear os contaxios desta sexta onda.
Ademais, a Xunta de Galicia adiantará a vacinación a persoas de entre 60 e 70 anos ao 13 de decembro, e ampliará o certificado covid para eventos multitudinarios e cines.
Minuto a minuto
Comeza o pleno no Parlamento de Galicia
Gonzalo Caballero pregúntalle a Feijóo como se vai afrontar esta sexta onda do coronavirus
Caballero pregúntalle a Feijóo por cal vai ser a formulación que ten para os profesionais sanitarios e se está disposto a contratar o máximo número de persoas
Caballero pregúntalle a Feijóo polo plan que ten previsto para o ensino, e di que hai 867 profesores menos e que hai máis de cen aulas pechadas pola covid
Caballero. "Ten vostede propostas para poder afrontar o Nadal cunha determinada estratexia en canto a protocolos?"
Feijóo respóndelle a Caballero
Feijóo dille a Caballero que a Xunta adiantouse sempre a todos os pasos que se deron no resto do Estado en canto á pandemia
Feijóo: "Se esiximos o certificado covid, a xente vacínase máis".
Feijóo: "O autocovid saíu de Galicia, os cribados e as mostras de pool saíron de Galicia, as mostras de saliva empezamos en Galicia e o pasaporte covid iniciámolo en Galicia".
Feijóo: "É o comité clínico o que activa os protocolos e posteriormente o Goberno apróbaos e impleméntaos. Seguirá sendo o comité o que incremente e concrete os protocolos das próximas semanas".
Feijóo: "Incrementamos o persoal de reforzo, no ano 2021 estamos pagando unha media de máis de 3.000 nóminas das que pagamos no 2019. No ámbito dos profesores, neste curso estamos pagando 2.000 profesores máis".
Feijóo dille a Caballero que Galicia é a primeira comunidade de España vacinada con dobre dose
Feijóo: "Insistiremos no uso da máscara en interiores, distancia, hixiene, ventilación, test e seguimiento de contactos. Imos extender o certificado covid aos ximnasios, residencias de maiores, hospitais de día e aos eventos masivos en interiores".
Feijóo: "Empezaremos a citar o día 15, 16 e 17 de decembro os nenos e nenas de 11, 10 e 9 anos para vacinar. A próxima semana poñemos a disposición e de froma gratuíta un test nas farmacias a todas as nais e pais con nenos e nenas de 5 a 11 anos, se resulta positivo faremos unha PCR de contraste. Pediremos ao TSXG a petición do certificado covid para asistir a eventos multitudinarios e para ir ao cine. Imos recomendar diminuír o número de comensais por mesa nas comidas e ceas".
Réplica de Caballero a Feijóo
Caballero dille a Feijóo que se alegra de que tome medidas en materia de educación
Caballero: "Recoñeza os datos como son, as súas contas son sempre unha especie de maquillaxe para dar as verdades a medias".
Caballero dille a Feijóo que para loitar contra a desigualdade é necesario máis estado de benestar, máis sanidade pública e máis educación pública
Feijóo respóndelle a Caballero
Feijóo dille a Caballero que neste curso 2021-2022 hai 2.095 profesores máis
Feijóo: "O problema que temos nos colexios é que as vacinas non chegan ata o día 13 e non temos vacinas para todos".
Feijóo: "Levamos 1.338 prazas novas de persoal sanitario nos presupostos de 2022".
Feijóo dille a Caballero que neste 2021 estanse a pagar 42.694 nóminas no Sergas
Feijóo dille a Caballero que a Galicia corresponderíanlle 558 millóns de euros dos 9.000 da emenda covid
Quenda de Ana Pontón
Pontón dille a Feijóo que a súa acción de goberno redúcese só a buscar culpables
Pontón pregúntalle a Feijóo se está sendo útil para solucionar os problemas que ten o país
Feijóo respóndelle a Ana Pontón
Feijóo: "Faltoulle un titular: 'Feijóo consegue que o BNG non goberne en Galicia dende o ano 2009'".
Feijóo dille a Pontón que a Xunta se dedica a xestionar a pandemia, a recuperación económica, a mellorar os servizos públicos e a defender Galicia
Feijóo: "Hoxe temos máis PIB, está crecendo a economía máis que a media de España, temos menos paro que a media de España e incrementamos o número de afiliados á Seguridade Social en máis de 25.600 galegos".
Ana Pontón respóndelle ao presidente da Xunta
Pontón: "Señor Feijóo, respire, que o vexo hiperventilando un pouco co BNG".
Pontón dille a Feijóo que non van calar o BNG no Parlamento
Pontón: "Deixe de pisar moqueta e pise a realidade dos galegos e galegas que están pasando por un momento fastidiado".
Pontón dille a Feijóo que na súa quenda de réplica conte cales son as súas solucións para Alcoa
Pontón dille a Feijóo que sería bo que se sumase á defensa dunha tarifa eléctrica galega
Feijóo respóndelle a Ana Pontón
Feijóo: "Como leva vostede moito máis tempo que eu como parlamentaria, entendo que de pisar moqueta sabe vostede máis".
Feijóo: "Non é útil dicir que se apoia os traballadores da industria e pechar Ence. Iso é un fariseísmo impropio dun partido político galego".
Feijóo dille a Ana Pontón que non é útil pedir nacionalizar Alcoa cando o principal problema é o prezo da luz
Feijóo: "Vostede está en contra da Constitución e do Estatuto de Galicia e iso é ser inútil para os problemas do país e da xente".
Remata a sesión de control ao presidente da Xunta e continúa o pleno no Parlamento de Galicia