Publicador de contidos

Publicador de contidos

Podemos confirma que apartou a Monedero en 2023 tras ser acusado de violencia sexual

Podemos confirma que apartou a Monedero en 2023 tras ser acusado de violencia sexual

Dúas mulleres informaron a dirección do partido do sucedido en setembro de 2023 

A Universidade Complutense investígao pola queixa oficial dunha estudante

O cofundador de Podemos asegura que leva anos sufrindo denuncias falsas, aínda que recoñece que ten que "aprender sobre feminismo" e "empatía relacional" 

Arquivo/I.Infantes/Europa Press Arquivo/I.Infantes/Europa Press
G24.gal 20/02/2025 11:14 Última actualización 20/02/2025 17:28

Podemos confirmou que apartou un dos fundadores do partido, Juan Carlos Monedero, da actividade da formación tras coñecer dous testemuños contra el de violencia sexual en setembro de 2023.

Fontes da formación morada explicaron que a secretaría de feminismos do partido recibiu nesas datas un correo electrónico cun testemuño dunha muller que denunciaba comportamentos de Monedero que podían chegar a ser violencia sexual e que reclamaba por iso unha actuación interna.

O partido trasladou ese escrito á Comisión de Garantías, que ofreceu á denunciante unha vía "confidencial e segura" para achegar testemuños concretos dos feitos, pero estas mesmas fontes de Podemos aseguran que non houbo resposta por parte da muller.

Nas mesmas datas varios membros da dirección do partido recibiron outro testemuño doutra muller que denunciaba ser vítima de violencia sexual por parte de Monedero e que pedía expresamente que este deixase de participar nos actos da organización.

Monedero: "Levo doce anos sen un só mes da miña vida sen querelas e xuízos baseados en denuncias falsas e todos arquivados"

O cofundador de Podemos afirma que leva doce anos sufrindo "denuncias falsas" por "rumores" orquestrados para facerlle dano e que non lle parece "xusto" verse salpicado por acusacións de presunto acoso sexual, cando el é un defensor da lei do "só si é si".

Así o destacou nun escrito publicado na súa canle de Telegram e nas redes sociais dirixido ao xornalista Sergio Gregori, despois da información publicada en 'ABC' por mor dun audio seu no que relata que unha amiga foi acosada polo cofundador de Podemos.

Na misiva denuncia ser vítima dunha "persecución", aínda que recoñece que ten que "que aprender sobre feminismo" e sobre "empatía relacional": "Levo doce anos, desde que fundamos Podemos, sen un só mes da miña vida sen querelas e xuízos, todos arquivados, todos baseados en denuncias falsas orquestrados para facer dano. Non che oculto que xa me cansei".

Monedero afirma que non lle parece "xusto" escoitar estas acusacións "sen probas" e lembra a á denuncia interposta no seu día polo extraballador de Podemos José Manuel Calvente, que deu pé ao caso Neurona e que tamén "quedou en nada". Relaciona o acontecido coa circunstancia de que Podemos está "a subir nas enquisas".

A Universidade Complutense investígao pola queixa oficial dunha estudante

A Universidade Complutense de Madrid investiga ademais a Juan Carlos Monedero tras un expediente de información reservada aberto pola Unidade de Igualdade.

Segundo fontes da Universidade Complutense, o expediente é confidencial, abriuse na Unidade de Igualdade da UCM e esta trasladouno á Inspección de Servizos da universidade. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade