A Federación galega suspende o rally que premiaba con roupa interior as mulleres
A Federación recúa tras as críticas do sector
"Parécenos unha pedazo falta de respecto cara á muller", denunciaron desde o equipo feminino Melmac RallyFactory
A Federación galega suspende o rally que agasallaba con roupa interior ás mulleres. A entidade dirixida por Iván Corral recúa tras as críticas do sector.
Antes a Federación Galega de Automobilismo anunciou nun comunicado o acordo cunha empresa de moda íntima para obsequiar as campioas e subcampioas de cada proba cun conxunto deportivo.
O anuncio realizado o luns pola Federación Galega de Automobilismo para premiar ás gañadoras do 2º Open Gadis-Pecado Orixinal Doas co Motor de Galicia 2022 con roupa interior deportiva non sentou nada ben no sector.
No comunicado da FGA, a organización aclara que chegou a un acordo coa empresa Grupolen 2017 S.L., propietaria da firma de moda íntima Pecado Orixinal, para entregar despois de cada proba da competición "conxuntos de roupa interior, Modelo Federación para usar debaixo do mono de competición", tanto ás gañadoras (piloto e copiloto) como ás subcampioas.
"Parécenos unha pedazo falta de respecto cara á muller neste deporte que isto se poña como premio", denunciaron pouco despois desde a conta de Facebook do equipo feminino Melmac RallyFactory. "Queremos entender que o comunicado se refire á roupa que vai debaixo do mono, roupa Ignifuga, porque pola contra imaxinamos que ás organizadoras van regalar unha liga e aos gañadores da FGA uns gayumbos dos Simpson en igualdade de condicións, ou como vai isto?", pregúntanse claramente indignadas ante o polémico premio, para a continuación concluír: "Unha cousas é apoiar a muller no deporte, outra moi distinta que isto se considere un premio e que o publiquen como tal".
Gadis, patrocinador da proba, desmárcase da organización: "Desmarcámonos totalmente da organización desta proba, así como dos agasallos da mesma. Sentimos unha grande repulsa ante o ataque contra a dignidade da muller".
Dentro do noso programa de RSC temos unha colaboración puntual coa FGA, como con outras iniciativas de apoio ó deporte.
— Gadis (@gadis) December 14, 2021
Desmarcámonos totalmente da organización desta proba, así como dos agasallos da mesma. Sentimos unha grande repulsa ante o ataque contra a dignidade da muller. https://t.co/TH5OXT968W