Publicador de contidos
Publicador de contidos

Polo menos 78 mortos e ducias de feridos nunha desbandada no Iemen

Polo menos 78 mortos e ducias de feridos nunha desbandada no Iemen

Hai 139 feridos, entre eles 13 moi graves e 62 que sufriron lesións leves

G24.gal 20/04/2023 09:53

Polo menos 78 persoas morreron e ducias quedaron feridas nunha desbandada que tivo lugar na cidade vella de Saná, a capital iemení controlada polos rebeldes xiítas hutís, nun centro de repartición de axuda organizada unilateralmente para a festividade da fin do mes de ramadán, informaron fontes sanitarias insurxentes.

O número de vítimas é de, segundo o ministerio, 78 mortos, e hai 139 feridos, entre eles 13 moi graves e 62 que sufriron lesións leves.

O portavoz do Ministerio do Interior hutí, xeneral Abdul Khaliq al Ajri, considerou o ocorrido esta noite na capital como un "tráxico e doloroso accidente no que decenas de persoas morreron por mor dunha desbandada de cidadáns durante a distribución aleatoria de sumas de diñeiro por parte dalgúns comerciantes sen coordinación co Ministerio do Interior", informou a axencia de noticias iemení dos insurxentes, Saba.

O responsable do ministerio hutí indicou que dous dos comerciantes responsables desta repartición foron detidos, mentres que a fiscalía se mobilizou de inmediato para investigar o ocorrido.

Ata o momento descoñécese os motivos polos que comezou esta mortal desbandada, unha das peores no mundo na última década.

A capital iemení está controlada polos rebeldes apoiados por Irán desde 2014, cando comezou un conflito que obrigou o Goberno iemení recoñecido internacionalmente a exiliarse a Adén, no sur do país.

A guerra no Iemen, na que interveu en 2015 Arabia Saudita como líder dunha coalición militar, provocou a peor catástrofe humanitaria no planeta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade