Publicador de contidos
Publicador de contidos

Polo menos seis persoas morren acoiteladas nun centro comercial de Sydney

Polo menos seis persoas morren acoiteladas nun centro comercial de Sydney

A Policía do estado australiano de Nova Gales do Sur non ve indicios de que o asasinato sexa un acto terrorista

O suposto agresor foi abatido por unha inspectora de policía no lugar dos feitos

G24.gal 13/04/2024 13:39 Última actualización 13/04/2024 16:51

Polo menos seis persoas foron asasinadas nun ataque a coiteladas ocorrido nun centro comercial de Sydney, a segunda cidade máis poboada de Australia.

A Policía do estado de Nova Gales do Sur non ve indicios de que sexa un acto terrorista, xa que o agresor, abatido por unha axente, non parecía actuar por motivos ideolóxicos nin relixiosos.

Karen Webb, comisaria da Policía de Nova Gales do Sur, indicou nunha conferencia de prensa que os investigadores non teñen indicios de que o asasino actuase movido por "unha idea" polo que "non é un incidente terrorista".

"A investigación estará en marcha durante moitos días, pero hai elementos que nestes momentos non indican iso", asegurou Karen Webb, comisaria da Policía do estado.

Webb explicou que o agresor, un home duns 40 anos cuxa identificación aínda non foi completada, acoitelou varias persoas no centro comercial Westfield Bondi Junction. No lugar dos feitos morreron cinco persoas e outra muller faleceu horas despois no hospital.

Ademais, hai oito persoas ingresadas en varios hospitais da cidade, incluído un bebé de nove meses que foi operado de urxencia.

"Cremos que esta persoa actuou soa e non hai agora ameazas contra a comunidade", engadiu Webb.

O ataque

Segundo o informe policial, o asaltante entrou no popular centro comercial Westfield Bondi Junction ás 15:10 hora local, saíu ao pouco tempo e regresou dez minutos despois. Entón, atacou "arredor de nove persoas".

Tras recibir a chamada de alerta, unha inspectora de Policía acudiu ao lugar, onde se enfrontou ao agresor, que virou cara a ela cun coitelo na man, polo que a axente "disparou unha arma de fogo" contra el.

A axente realizoulle manobras de reanimación ao sospeitoso mentres chegaba o persoal sanitario pero faleceu.

Centos de persoas foron evacuadas tras producirse o ataque, que causou unha gran conmoción en todo o país. O centro comercial permanecerá pechado ao público este domingo mentres a Policía continúa coas investigacións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade