O acoso do Pontevedra non tivo o premio do gol (0-1)
O acoso do Pontevedra non tivo o premio do gol (0-1)
Un solitario gol de Álvaro deulle o pase ao Xetafe
O equipo madrileño xogou con dez todo o segundo tempo metido no seu campo
Remata a aventura do Pontevedra na Copa, unha das páxinas máis brillantes do fútbol español esta temporada. Un equipo de Segunda RFEF que someteu tres equipos de Primeira División. Ao Xetafe tamén o dominou, exerceu un acoso total pero non conseguiu marcar o tanto que equilibrase o marcador (0-1).
O partido comezou do peor xeito. Antes do minuto dous, Álvaro Rodríguez enganchou un gran lanzamento desde a frontal que entrou pegado ao poste. O Xetafe estaba moi avisado do fútbol que practicaba o Pontevedra e na primeira media hora usou toda o seu poderío físico para cortar as accións de perigo. Na parte final, o equipo de Iago Iglesias comezou a facer o seu fútbol preciosista e Héctor Hernández e Dalisson estiveron moi preto de lograr o empate. No 42, o autor do gol, Álvaro, golpeou a Mario Gómez e viu o cartón vermello directo, unha xogada que podía marcar o segundo tempo.
Contra dez, o Pontevedra intensificou o dominio e gozou de moitas ocasións para lograr o empate. Un disparo de Iago Novo estrelouse contra o traveseiro e botou na liña. Despois Mario Gómez rozou o pau cun lanzamento sorprendente desde lonxe. E Novo volveu tentalo, pero atopou a intervención do porteiro Letacek. Converteuse nun monólogo do Pontevedra, co Xetafe encerrado na súa área e facendo faltas a esgalla para evitar os ataques galegos. Pero os de Bordalás aguantaron e metéronse nos cuartos de final da Copa do Rei.