Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Real Madrid róuballe ao Celta as ilusións coa Copa

O Real Madrid róuballe ao Celta as ilusións coa Copa

O primeiro gol do partido, marcado por MBappé, veu precedido dun posible penalti sobre Swedberg

Bamba e Marcos Alonso marcaron nos últimos dez minutos e levaron o partido á prórroga

Valverde e Endrick (2) marcaron na segunda parte da prórroga

G24.gal 16/01/2025 22:56 Última actualización 17/01/2025 00:02

A eliminatoria entre o Real Madrid e o Celta quedou marcada por unha xogada. No minuto 37 do primeiro tempo e con empate sen goles Swedberg cae na área derrubado por Lunin. O colexiado non pita nada e na contra seguinte Mbappé marca o primeiro gol. Os xogadores do Celta protestáronlle ao árbitro pero o gol do francés esvaeceu calquera posibilidade de que o VAR entrase a valorar a xogada. 

Ata ese intre era un partido moi igualado. Despois do gol chegou o descanso e á volta marcou Vinicius o segundo, nunha acción na que si entrou o VAR para validar a posición anterior de Brahim. 

O que seguiu foi unha sucesión de oportunidades estragadas. Algunhas do Real Madrid e outras boas do Celta, como un tiro de Sotelo que obrigou a Lunin a facer un paradón. Tamén houbo un gol anulado a Güler no 77 por un claro fóra de xogo anterior de Vinícius.

Parecía todo decidido ata que no minuto 83 Bamba non estragou a oportunidade que lle deu o Real Madrid para recortar diferenzas. Quedaba o treito final do encontro para soñar coa prórroga. 

E un penalti moi claro, este pitado, ao comezo do engadido deulle a oportunidade a Marcos Alonso de marcar o gol que mandaba a eliminatoria á prórroga. 

A primeira parte da prórroga pasou cunha única ocasión, un remate de Rudiger á saída dun córner que se estrelou no poste. Pero a segunda metade comezou do peor xeito para o Celta. Cun disparo de Endrick desde a frontal que entrou como un foguete pegado ao poste. E xusto despois Valverde imitouno con outro gran lanzamento que entrou por toda a escuadra. Todo o traballo do Celta acabou estragado por estes dous golazos.

Aínda quedaba tempo para un quinto gol anotado por Endrick. Unha goleada dura despois dunha eliminatoria igualada e moi condicionada por unha decisión arbitral. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade