Publicador de contidos
Publicador de contidos

Pontón pide que Stellantis non quede fóra do PERTE da automoción

Pontón pide que Stellantis non quede fóra do PERTE da automoción

A líder do BNG pide apoio claro á Xunta, ao Goberno central e á propia automobilística para que Galicia non quede excluída dos fondos

G24.gal 07/07/2022 14:47

 A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou este xoves a planta viguesa de Stellantis para demandar ao Goberno do Estado, á Xunta e á propia multinacional colaboración e compromiso para que Galicia non quede excluída do PERTE da automoción.

En declaracións á prensa, Pontón lembrou que o PERTE do vehículo eléctrico e conectado está dotado con 12.000 millóns de euros e que “ata o momento a planta automobilística de Galicia, unha das máis produtivas de Europa, está excluída”.

Fronte a iso, dixo, “desde o BNG pensamos que debe ter un apoio claro nun momento no que se están producindo grandes transformacións no sector”.

Mostrou a súa preocupación ante o risco de que o PERTE de automoción deixe fóra unha empresa tan importante para o noso país como Stellantis “e, por iso, pedimos colaboración entre o Goberno central e a Xunta para garantir o acceso a eses fondos, porque o único que temos son boas palabras, pero iso non chega”.

Para evitar esa discriminación, a líder nacionalista tamén considera importante que a propia Stellantis “faga unha aposta estratéxica” por Galicia.

Ademais, propuxo a creación dunha mesa galega da automoción coa participación da agrupación industrial, das universidades e das administracións, “que permita enfrontar con garantías o paso ao vehículo eléctrico e que fortaleza a posición de Galicia dentro do sector, tanto na transformación final, na creación de compoñentes, como no proceso de innovación”. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade