Publicador de contidos
Publicador de contidos

Pontón propón aos empresarios establecer un instituto galego de crédito

Pontón propón aos empresarios establecer un instituto galego de crédito

Aposta por establecer un plan de fomento da actividade tecnolóxica e industrial, co obxectivo de elevar o peso da industria ao 25 % do PIB en 2030

Ana Pontón participou nunha xuntanza na Cámara de Comercio de Santiago de Compostela Ana Pontón participou nunha xuntanza na Cámara de Comercio de Santiago de Compostela
G24.gal 21/01/2025 19:03

 A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo este martes nunha reunión con empresarios establecer un instituto galego de crédito para frear a marcha e o peche de empresas e impulsar novos proxectos.

"O noso aforro emigra mentres aquí as pemes teñen dificultades para recibir créditos en boas condicións e non é razoable que iso pase", dixo Pontón nunha reunión da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.

Pontón, acompañada da alcaldesa da capital galega, Goretti Sanmartín, e dos deputados autonómicos Iria Carreira e Daniel Pérez, insistiu en que Galicia non pode seguir relegada.

A líder do BNG observou que hai unha perda continuada de poboación, unha das xeracións mellor formadas na emigración, unha crise industrial perpetua, o peche de empresas ou a perda de galeguidade de grandes referencias industriais que están a ser absorbidas por capital foráneo.

Neste sentido, preconizou establecer un plan de fomento da actividade tecnolóxica e industrial, co obxectivo de elevar o peso da industria ao 25 % do PIB en 2030, desenvolvendo un tecido de pemes en sectores estratéxicos como a automoción, o naval, a robótica, o forestal, o químico-farmacéutico ou a agroindustria.

Avogou por un especial esforzo no ámbito rural, que ocupa o 90 % do territorio e concentra o 40 % da poboación, indicou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade