Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os grupos de esquerda de Santiago pactan os orzamentos de 2025 con 146 millóns e sen subidas de impostos

Os grupos de esquerda de Santiago pactan os orzamentos de 2025 con 146 millóns e sen subidas de impostos

Espérase unha maior recadación grazas, entre outras cuestións, á posta en marcha dunha taxa turística

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, en representación do BNG, a tenente de alcaldesa, María Rozas, en representación de Compostela Aberta, e o portavoz do grupo municipal socialista, Gonzalo Muíños, cerran o acordo de orzamentos 2025. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, en representación do BNG, a tenente de alcaldesa, María Rozas, en representación de Compostela Aberta, e o portavoz do grupo municipal socialista, Gonzalo Muíños, cerran o acordo de orzamentos 2025.
G24.gal 14/01/2025 12:59

Os tres grupos da esquerda do Concello de Santiago, BNG e Compostela Aberta, que actualmente están no Goberno, e o PSOE, na oposición, asinaron este martes un acordo para os orzamentos de 2025, que ascenden a 146 millóns de euros e que non suporán unha suba dos impostos pero si unha maior recadación grazas, entre outras cuestións, á posta en marcha dunha taxa turística.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, en representación do grupo municipal do BNG; María Rozas, por Compostela Aberta, e Gonzalo Muíños, polo PSdeG, rubricaron o acordo e coincidiron en destacar a “enorme transcendencia” de alcanzar un pacto que permite que no 2025, o concello poida “responder os retos ambiciosos” que se marcou.

A elaboración do proxecto orzamentario elaborouse sen incluír nel unha subida de impostos en ningún ámbito, malia que si se contempla unha “maior recadación” tras efectuar medidas de eficiencia e control con revisión do padrón de varios tributos e, tamén, grazas á posta en marcha do imposto de estancias turísticas, para a que, polo momento, non hai data de implantación a pesar de que “se está traballando para que poida estar canto antes”, porque permitiría recadar 2,6 millóns de euros neste ano.

Sanmartín dixo que os orzamentos atenderán con “ambición” ás “necesidades reais” da cidade con obras importantes e que, á súa vez, apostan por modernizar a administración, así como por medidas que impulsen “o dereito á vivenda e os servizos públicos de calidade”.

A intención dos grupos é levar este proxecto ao pleno “máis pronto que tarde” para poder aplicar canto antes as novas contas e comprometéronse a realizar reunións trimestrais para seguir os acordos.

Por Compostela Aberta, María Rozas reivindicou que con este acordo cúmprese “co mandato das urnas” que, ao seu xuízo, encomendou “facer políticas progresistas na cidade” e manifestou  a “lexitimidade” do goberno que, reprochou, ás veces pon en cuestión o PP local.

Por parte do grupo municipal do PSOE, Gonzalo Muíños, do que pende un expediente de expulsión do partido, considerou que o acto desta firma demostra que “é posible chegar a puntos en común cando o que importa son os problemas da xente”.

 “É o noso traballo como representantes públicos que somos”, rematou Muíños. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade