Acordo entre BNG e PSOE para aprobar os orzamentos de Pontevedra por 98,6 millóns
Acordo entre BNG e PSOE para aprobar os orzamentos de Pontevedra por 98,6 millóns
O documento xirará arredor de catro eixes: a adaptación ao cambio climático, a mellora da calidade de vida, a promoción da cidade e o mantemento de espazos públicos
Lores: "Nestes 25 anos, se esta cidade avanzou foi porque tivemos o apoio do PSOE, estivese no goberno ou non"
Puentes sobre a capacidade de poñerse de acordo: "É o mellor que pode haber en política"
Entre loanzas mutuas pola disposición ao "diálogo, consenso e entendemento", o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, rubricaron o acordo entre ambos os partidos para aprobar os orzamentos do concello para 2025.
Estas contas, que ascenderán inicialmente ata os 98,6 millóns de euros, conformarán uns orzamentos co que "mirar cara ao futuro" e que está pensado para "adiantarnos aos retos que están por chegar", segundo destacou o rexedor nacionalista.
Fernández Lores explicou que os orzamentos de 2025 centraranse en catro eixos: a adaptación do concello ao cambio climático, a mellora da calidade de vida dos habitantes de Pontevedra, a promoción da cidade e o mantemento de espazos públicos.
O alcalde mostrouse "satisfeito e encantado" de acadar un acordo cos socialistas e destacou que a trintena de medidas propostas polo PSOE servirán para "mellorar" os orzamentos para 2025.
"Nestes 25 anos, se esta cidade avanzou foi porque tivemos o apoio do PSOE, estivese no goberno ou non", sinalou o rexedor pontevedrés, que se engadiu que sen ese apoio "non poderiamos chegar onde chegamos".
Iván Puentes, pola súa banda, recoñeceu que estes presupostos "non serían os que faría o PSOE en solitario, nin os que faría o BNG en solitario", pero considera que "iso non é unha debilidade, senón unha tremenda fortaleza".
Apuntou que o consenso e a capacidade de poñerse de acordo "é o mellor que pode haber en política", algo que considera que é "valente e responsable" porque "é o que os veciños nos piden, que por riba das diferenzas, sexamos capaces de poñernos de acordo".
Fronte a esta postura, Puentes criticou a aqueles -en referencia ao PP- que apostan pola "confrontación permanente" e a política de "terra queimada", un comportamento que "dá moitos titulares, pero que non nos leva a ningún lugar ou polo menos a ningún lugar bo".
Tras este acordo, os servizos técnicos municipais continuarán coa tramitación dos orzamentos para que as contas de 2025 poidan aprobarse canto antes. A previsión é que o pleno poida celebrarse na primeira quincena de febreiro.