Publicador de contidos
Publicador de contidos

Menos dun ano de cárcere para cinco de seis acusados de esnaquizar un local en Lugo con berros racistas

Menos dun ano de cárcere para cinco de seis acusados de esnaquizar un local en Lugo con berros racistas

Entraron no local e romperon escaparates, xanelas, mobles e mercadoría en febreiro de 2021

O acordo recolle tamén unha indemnización económica para as dúas vítimas polas lesións, danos morais e ao propietario polas desfeitas no local que non cubriu o seguro

G24.gal 17/01/2025 15:39

Cinco dos seis acusados por esnaquizar un supermercado e golpear ao seu propietario esgrimindo expresións racistas en Lugo aceptaron este venres unha condena de menos dun ano de prisión e facerse cargo das indemnizacións pertinentes.

O xuízo, que xa fora suspendido nunha ocasión, non chegou a celebrarse, xa que se alcanzou un acordo entre as partes. O sexto dos acusados non compareceu ao atoparse fuxido.

Os cinco recoñeceron ser culpables dun delito contra a dignidade das persoas, polos que recibiron unha pena de sete meses de prisión, no caso de tres deles, e de seis meses os outros dous.

Ademais, deberán pagar unha multa durante seis meses a razón de seis euros ao día. Tamén, polos delitos leves de lesións e de danos, reciben unha sanción económica que suma 11 meses a razón de seis euros ao día. Todos eles teñen a prohibición de achegarse ás vítimas en tres anos.

O acordo recolle tamén unha indemnización económica para as dúas vítimas polas lesións, danos morais e ao propietario polas desfeitas no local que non cubriu o seguro. Un dos acusados, de nacionalidade venezolana, ao que se lle pedía a expulsión do país, conseguiu un acordo para seguir en España cumprindo a mesma pena.

Os feitos xulgados tiveron lugar no mes de febreiro de 2021, nun supermercado da rúa Isidro Labrador, propiedade dun home de nacionalidade marroquí que tiña como empregado a outro de procedencia palestina.

Os cinco presentes recoñeceron que entraron no local e romperon escaparates, xanelas, mobles e mercadoría, servíndose de paus, patas de cabra e taboleiros.

Ademais, causaron lesións a ambos os homes, aos que propinaron goles ao mesmo tempo que proferían berros racistas, entre os que se recolleron expresións como "mouros de merda, mortos de fame, marchade ao voso país, imos queimar a tenda".

No local estaba tamén a nai do propietario, que non sufriu lesións. Os danos no inmoble ascenderon a 2.512 euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade