Queixa veciñal por unha praga incontrolada de gatos nunha rúa de Compostela
Queixa veciñal por unha praga incontrolada de gatos nunha rúa de Compostela
Na avenida de Salamanca hai unha colonia protexida, pero denuncian que hai gatos sen castrar
O cheiro e os excrementos inundan a rúa e os gatos cóanse nas casas
Nun percorrido pola rúa vemos que gatos hai dabondo e de que campan ás súas anchas. O que non se percibe na imaxe é o cheiro. Nótase en toda a rúa e resulta absolutamente insoportable neste acceso aos xardíns que hai na parte de atrás dos edificios.
"Eu nunca vira esta porta aberta e alucino".
"Non estou en contra dos gatos, gústanme os animais e non lles fago dano pero estou farta de ter unha comuna de 20 ou 25, velos sentados nos bancos onde nos poñemos nós cos nenos".
"Isto é unha invasión. Vas pola rúa e velos subidos nos coches e por todas partes. Ouriñan. Tes que ter as ventás pechadas porque che entran para dentro. Cando están en celo, o ruído que meten".
Gatos que complican o día a día. Nos pisos máis baixos, nin se lles ocorre abrir as ventás, salvo que estean protexidas por reixas.
"Eu non podo ter a porta aberta porque veñen os gatos e levan o que poden. Un día tiñamos un peixe para cocer, grande, levárono e quedamos sen comer", lamenta unha veciña.
A colonia protexida está ao final da rúa, ao pé desta pequena praza onde sentan os maiores e pasan a tarde os nenos.
"Acaba sendo un problema de salubridade porque as pisas sen querer. Acabas entrando na casa, os nenos poden caer enriba das feces. Hai moita xente maior que tamén as pisa e lévaas para a casa".
"Hai moitos veciños que lles tiran comida dende as súas ventás, que é algo que está completamente prohibido".
Esa sucidade, eses restos, son un atractivo non só para os gatos. Dun tempo a esta parte, vense ratas grandes que atacan os propios gatos.
"Amais saín coas pernas cheas de pulgas no verán e chamei ao Concello e dinme que non poden fumigar porque non se pode alterar a comuna e, ao fumigar as pulgas, que se matan os gatos".
No barrio houbo unha recollida de sinaturas pedindo que se poña fin a este pesadelo, cunha colonia de verdade controlada e coidada.