Porriño e Guardés comezan a segunda volta con vitoria
Porriño e Guardés comezan a segunda volta con vitoria
O Conservas Orbe Rubensa Porriño vence na casa ao Rocasa Gran Canaria (27-23)
O Mecalia Atlético Guardés derrota ao Beti Onak na Sangriña (22-20)
No balonmán, disputouse a primeira xornada completa da Liga feminina despois do mundial, e deixou dúas vitorias galegas.
O Porriño impúxose na casa diante do Rocasa Gran Canaria por 27 a 23. Foi nun encontro que se decidiu cun parcial de 7-1 a prol das porriñesas mediada a segunda metade. Malena Vallés liderou a anotación con oito tantos. O Porriño está na quinta praza con 16 puntos.
E, xusto por detrás, con 14 puntos, aparece o Mecalia Guardés, que venceu o Beti-Onak na Sangriña. Triunfo máis apertado, por 22 a 20. Chegaron a gañar as visitantes por 5 a 8, pero as guardesas reaccionaron ben para darlle a volta ao resultado, con vantaxes de tres e catro goles na segunda metade. O Guardés durmiu o partido nos minutos finais e sumou un triunfo que liderou na anotación Ania Ramos, con cinco goles.