O Mecalia consegue a sétima vitoria á custa dun descoñecido Elxe
O Mecalia consegue a sétima vitoria á custa dun descoñecido Elxe
O equipo da Guarda gañou por 23-20 ao subcampión do ano pasado
O Mecalia Guardés continúa co seu grande inicio de campionato. Gañoulle por 23-20 ao Elxe, o subcampión da Liga Guerreras do ano pasado, que nesta temporada está moi afastado dos postos de honra, con cinco derrotas en nove xornadas. Pola contra, o Mecalia colócase de xeito momentáneo no segundo posto.
O partido resultou emocionante e non se decidiu ata os últimos ataques. Comezou mandando o Elxe (7-9), pero o Mecalia remontou na parte final do primeiro tempo para ir ao descanso dous goles arriba (14-12). Ao comezo da segunda metade chegou a poñerse cunha diferenza de seis goles (19-13). O Elxe conseguiu darlle a volta á situación e encadeou un parcial de 2-7, co que entrou con todas as opcións nos últimos cinco minutos (21-20). A gran defensa do Mecalia impediu que as visitantes volvesen marcar e os goles de África Sempere e de Ania Ramos puxeron o definitivo 23-20.