Porto Rico, a un paso de decidir nun referendo o seu futuro cos Estados Unidos
Porto Rico, a un paso de decidir nun referendo o seu futuro cos Estados Unidos
A normativa en cuestión autoriza a celebración dun plebiscito o 5 de novembro de 2023, a falta da ratificación no Senado
A Cámara Baixa estadounidense aprobou este xoves un proxecto de lei sobre o status de Porto Rico que autoriza a celebración en novembro de 2023 dun referendo vinculante na illa para definir o seu futuro político.
A Cámara de Representantes deu o seu visto e prace a esa normativa por 233 votos a favor e 191 en contra, tras o cal deberá seguir o seu trámite parlamentario no Senado antes de ser ratificada polo presidente Joe Biden.
O aínda proxecto de lei recoñece que o status territorial de Porto Rico limita o pleno desenvolvemento político, económico e social da illa e que o goberno federal ten a responsabilidade de facilitar a elección e transición a un status político non territorial.
Estado, independencia ou libre asociación
Porto Rico é territorio estadounidense desde 1898 e está considerado como un Estado Libre Asociado, con Constitución propia e cun importante grao de autonomía, aínda que os EUA reservan apartados como defensa, moeda, inmigración e aduanas, entre outros.
A normativa en cuestión autoriza a celebración dun plebiscito o 5 de novembro de 2023, patrocinado polo Executivo federal, sobre o seu status político.
En concreto, precisa as opcións de status non territorial —ser un estado de pleno dereito dos EUA, a independencia ou a libre asociación— e establece un proceso e datas para que o Departamento de Xustiza revise os materiais informativos para os votantes e o deseño das papeletas.