Portugal avanza na implantación da semana laboral de catro días
Portugal avanza na implantación da semana laboral de catro días
O Executivo luso asegura que aprobará en breve a regulación do sector privado que quere estender ao público
Os sindicatos din que a medida non pode pasar por menos salario ou máis carga laboral
O Goberno portugués segue avanzando na idea de implantar a semana laboral de catro días. Foi unha promesa electoral nos comicios de xaneiro que o Partido Socialista gañou con maioría absoluta e que agora o Goberno de António Costa pretende poñer en marcha.
O anuncio da ministra da Presidencia fai referencia á semana laboral de catro días na función pública. O cando e o como están en discusión co Ministerio de Traballo.
A proposta vai na liña do proxecto de catro xornadas laborais á semana no sector privado que o Executivo anunciou en maio e que agora promete aprobar en breve. Unha iniciativa na que xa amosaron interese varias empresas de distintos sectores.
Por agora non é máis que o anuncio dunha intención que a número dous do Goberno luso fixo nun medio de comunicación. Unha iniciativa que deberá ser afinada no seo do propio Executivo e negociada na mesa de concertación social. Os sindicatos avanzan que a medida non pode supoñer máis carga laboral nin menos salario.