O mal estado do mar atrasa o remolque a porto do petroleiro incendiado en Portugal
O mal estado do mar atrasa o remolque a porto do petroleiro incendiado en Portugal
O destino do cargueiro será o porto de Leixões, en Matosiños
As autoridades lusas trasladáronlle á Xunta que a situación "está controlada"
Segundo a Capitanía do Douro non provocou verteduras
As autoridades portuguesas remolcan ao porto de Leixões o petroleiro incendiado o pasado luns fronte á costa do Porto e que, segundo a Capitanía de Douro, non provocou verteduras.
O comandante da Capitanía de Douro, Silva Rocha, sinalou este xoves que "xa se tomaron medidas e decisións" para permitir a entrada do Greta K ao porto de Leixões, en Matosiños. "Calculo que a operación podería durar unhas tres horas", dixo o responsable nunha conferencia de prensa celebrada en Leça da Palmeira, Matosiños, pero, finalmente, o mal estado do mar atrasou a manobra ata, previsiblemente, a mañá deste venres.
Cuestionado sobre a operación de transvasamento de combustible, o capitán de navío Silva Rocha resaltou que "a prioridade é deixar entrar o buque, atracar seguro". "Logo pasaremos á seguinte fase, que ten que ver coa estabilización da situación e eventual descarga do material", dixo antes de reiterar que "non hai fugas, nin hai perigo ambiental". "Xa se realizaron medicións por parte da Fragata Corte Real da Armada Portuguesa, que acompaña ao buque, e as medicións permiten avaliar, cun alto grao de certeza, que a situación está estabilizada e non hai perigo de incendio", sostivo.
Investigación do accidente
Sobre a orixe do incendio, o comandante dixo este mércores que aínda non se sabe "que pasou", á vez que agregou que os 16 tripulantes da embarcación xa comezaran a ser escoitados no marco da investigación administrativa e técnica para pescudar que provocou o incidente. Trátase, segundo aclarou, dunha investigación sen carácter xudicial. Segundo a Mariña portuguesa, a alerta polo incendio do buque cisterna Greta K, de bandeira maltesa e que navegaba con 19 persoas a bordo a unha milla e media da costa produciuse ao redor das 15,30 horas do martes ao Centro de Coordinación de Procura e Salvamento Marítimo de Lisboa.
Situación controlada
Portugal trasladoulle á Xunta que a situación "está controlada", así o indicou o presidente Alfonso Rueda na conferencia de prensa posterior á reunión do Goberno galego. Rueda afirmou que "está en permanente contacto" por motivos de "proximidade e posibles afeccións", así como pola "solidariedade" co país veciño.