Preocupación no Sergas polo aumento da covid-19 entre poboación vulnerable
Preocupación no Sergas polo aumento da covid-19 entre poboación vulnerable
Aumentan os casos activos e as hospitalizacións
Comesaña: "Estamos preocupados e expectantes"
Empeora a situación epidemiolóxica en Galicia pola covid-19. Nun só día notificáronse 1.632 positivos e cinco falecementos.
Os contaxios semella que se estabilizan porque son nove menos ca o día anterior. Pero hai que lembrar que só se lle fai test á poboación vulnerable.
Segundo os datos actualizados este sábado pola Consellería de Sanidade, os casos activos ascenden a 15.600, 600 máis ca na xornada anterior. Tamén aumentou o número de persoas hospitalizadas, 20 máis en 24 horas. En total hai 689 ingresadas, 22 delas na UCI.
Por grupos de idade, Galicia está por riba da media nacional entre maiores de 60 anos cunha incidencia acumulada a 14 días de máis 100 casos por 100.000 habitantes.
Preocupación
O conselleiro de Sanidade segue con preocupación o aumento de casos nos colectivos máis vulnerables por se nos próximos días acaban traducíndose nun incremento dos ingresos.
De momento, Julio García Comesaña valora que o nivel de hospitalizacións se mentén estable desde hai semanas, ao redor de 600 en planta, e unha vintena na UCI.
"Si que aumentou o número de casos que temos declarados. Saben que agora facemos un seguimento máis concreto, coas persoas vulnerables e as que fan autodeclaración. Vimos un incremento nestes días que, de momento, non se está vendo reflectido na hospitalización, pero sabemos por experiencia que poderiamos velo nos próximos días. Polo tanto, preocupados e expectantes", asegura.