Presentado o equipo paralímpico español no CSD
Presentado o equipo paralímpico español no CSD
14 galegos dun total de 150 deportistas viaxarán a París nos xogos máis igualitarios
A nova edición dos xogos paralímpicos de París 2024 está marcada na historia como, ata o de agora, a súa versión máis igualitaria. Tal e como anunciou o presidente do comité paralímpico español no acto de presentación do comité nacional, Miguel Carballeda, por primeira vez o premio económico por acadar unha medalla será o mesmo para olímpicos e paralímpicos.
O acto foi presentado principalmente por Almudena Rivera, xornalista especializada en deporte paralímpico. Traballadora dos medios de comunicación, afirmou con orgullo que, tamén por primeira vez na historia, tivo que realizarse unha cota para limitar os xornalistas que podían acudir a cubrir o evento pola gran demanda rexistrada. Dando paso a persoeiros/as do propio CSD, patrocinadores ou deportistas deuse por inaugurado o grupo de atletas españois para estes xogos.
A París irán un número récord de 150 deportistas españois. De todos e todas eles/as, 14 son galegos. Na presentación de hoxe, dúas destas das nosas representantes tomaron o micrófono. En primeiro lugar foi Adiaratou Iglesias, que viaxa a terras francesas coa mente posta en revalidar as medallas conseguidas en Tokio e mesmo intentar acadar o ouro. Tamén declarou que esta estaba a ser unha sensación especial posto que como en Tokyo non puideron estar acompañados dos seus familiares ou afeccionados nas bancadas, esta vez será diferente.
A outra galega en tomar a palabra foi Susana Rodríguez Gacio. A triatleta respondeu ao feito de verse como a deportista que bater con naturalidade, e aproveitou para pedir que se valorase o traballo detrás de cada preparación, pois vira casos de deportistas que non acadaran medallas e lera "comentarios un pouco malos".
Outro tema ao que tivo que responder Susana foi a situación das augas do río Sena. Por un lado, a situación tan particular de non poder adestrar ata o propio día da competición resúltalle "curioso". Para ela, o feito de saír dos estadios para realizar probas a plena rúa"é moi loable", mais debe "primar a seguridade do deportista".
Tamén está o tema das correntes, moi debatido posto que, segundo ela mesma afirmou "co circuíto previsto máis do 70 % dos paratletas non poderían saír da auga". Hai un plan B e segundo comentou "están traballando moito", pero aínda non saben con certeza como serán as condicións.
Os xogos paralímpicos comezan en tan só cinco días nunha cidade de París que acollerá aos e ás atletas como nunca antes ningún outro evento olímpico.