Prieto renuncia como deputado autonómico para presidir a Federación Galega de Fútbol
Prieto renuncia como deputado autonómico para presidir a Federación Galega de Fútbol
Explicou que as súas novas ocupacións á fronte da federación son "incompatibles" co seu labor político
Agredeceu aos seus compañeiros de partido polo seu "respecto e agarimo" e ao resto de grupos polo seu "talante" para "defender os intereses de Galicia" a pesar das discrepancias
O novo presidente da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF), Pablo Prieto, deixou este mércores o seu escano como deputado do Partido Popular de Galicia para pasar a exercer a partir do xoves o cargo no que releva a Rafael Louzán, actual mandatario da Federación Española (RFEF).
Prieto presentou este mércores a súa renuncia e explicou que as súas novas ocupacións á fronte da federación galega son "incompatibles" co seu labor político.
O novo dirixente federativo, que será substituído no escano por Magdalena Pérez, agradeceu ao líder do partido e presidente da Xunta Alfonso Rueda e aos seus compañeiros de grupo o "respecto e agarimo" durante este tempo.
Ao finalizar o pleno, o primeiro deste ano, o futuro presidente da Federación Galega agradeceu tamén aos outros grupos parlamentarios o seu "talante", porque a pesar das "discrepancias" e de que cada quen ten as súas ideas todos intentan "defender os intereses de Galicia", á vez que pediu desculpas polos "erros" que puidese cometer.
"Síntome moi orgulloso de compartir proxectos, iniciativas e grandes momentos e de contribuír a aprobar grandes medidas para Galicia nesta Cámara", dixo.
Tras a vacante deixada por Louzán, Prieto foi o único candidato que se presentou para ocupar o cargo de maior responsabilidade na RFGF.