Publicador de contidos
Publicador de contidos

O PP votará si ao novo decreto do escudo social, que considera unha "rectificación"

O PP votará si ao novo decreto do escudo social, que considera unha "rectificación"

Reunión deste martes do comité de dirección do PP (EFE/David Mudarra/PP) Reunión deste martes do comité de dirección do PP (EFE/David Mudarra/PP)
G24.gal 29/01/2025 14:23 Última actualización 29/01/2025 15:13

O PP anunciou nunha mensaxe en X que votará si ao novo real decreto lei aprobado polo Goberno, co escudo social e a revalorización das pensións, ao consideralo unha "rectificación" respecto ao anterior decreto ómnibus, que decaeu no Congreso co voto en contra de PP, Vox e Junts. 

"Votaremos Si a esta rectificación, polos pensionistas, os valencianos e os usuarios de transporte. Que a súa incompetencia e debilidade non prexudique a quen non o merece", confirmou o partido nunha mensaxe na súa conta oficial da rede social X.  

O líder do Partido Popular Alberto Núñez Feijóo fíxose eco desta mensaxe e cargou contra o Goberno de Pedro Sánchez. "Quixeron enganar a todos os españois e saíulles mal", proclamou.

Argumentou o PP que aínda que o Goberno non merece "a confianza de ninguén", os españois non son culpables da súa "falta de integridade".

"Votaremos Si a esta rectificación, polos pensionistas, os valencianos e os usuarios de transporte. Que a súa incompetencia e debilidade non prexudique a quen non o merece", anunciou este partido.

Segundo os populares, o obxectivo do Goberno de Pedro Sánchez sempre foi dicir que o PP "non apoia os pensionistas, os usuarios do transporte público ou os afectados pola DINA de Valencia", pero saíulles mal.

A pesar do seu voto a favor, o PP mantivo as súas críticas ao sinalar que o novo decreto "acredita que o Goberno mentiu novamente ao dicir que non se podían partir medidas" ou que "demostra que seguen ao ditado do independentismo".

"Rectifican porque os obrigan para seguir no Goberno (unha vez máis), non para servir os españois", denunciaron.

Respecto ao novo decreto, os populares destacaron que do texto caeron medidas que o Goberno "pretendía coar" e comprometéronse a seguir rexeitando a "subida do IVE" ou defender o desaloxo inmediato de ocupas, chegando "ata onde faga falta en contra dos negocios do PSOE con fondos públicos".

"Estas vitorias tamén as imos lograr máis pronto que tarde", subliñou este partido.

E resumiu así a súa postura: "Si ás pensións. Si a axudar a Valencia. Si aos descontos no transporte. NON á mentira. NON á chantaxe. NON a este Goberno".

O partido de Feijóo denunciou ademais o mal exemplo dun Goberno que se ten que humillar a diario, que ten que comprar vontades co diñeiro de todos e que necesita mentir e manobrar porque carece de sentido común, de servizo e de Estado, ou que nin sequera é capaz de presentar un orzamento.

O PP xustificara o seu voto en contra do primeiro decreto ómnibus na devolución ao PNV dun edificio en París do que se lle incautara a Gestapo, a suspensión dos desafiuzamentos de familias vulnerables, que ao seu xuízo fomenta a inquiocupación —inquilinos que seguen co seu alugueiro sen pagar a renda— e en "subidas do IVE" nos alimentos. 

No acordo alcanzado onte entre Sánchez e Junts para recuperar o escudo social mantense tanto a devolución do edificio como a moratoria dos desafiuzamentos, mentres que o IVE dos alimentos e luz non figura, como tampouco o facía no anterior texto porque eran unhas rebaixas fiscais que non se renovaron e que o PP reclamaba. 

Aínda que o novo decreto contén medidas que o PP censurou publicamente, esta vez o seu voto será un si. Para xustificalo, o PP argumentou que foi Pedro Sánchez quen rectificou, partindo o seu escudo social, e dixo que apoia o texto "polos pensionistas, os valencianos e os usuarios de transporte".

O si do PP foi contestado con críticas tanto de Vox como de varios ministros do Goberno. O de Transportes Óscar Puente acusou os de Feijóo de iren coma pitos sen cabeza, mentres que para o titular de Xustiza Félix Bolaños, o PP camiña "sen rumbo, sen criterio".

Óscar López, ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, cre que o PP opta agora por votar que si porque ve que a votación pode saír e cando vían o contrario daban igual 20 millóns de españois e estaban dispostos a votar en contra só para que o Goberno perdese unha votación. Yolanda Díaz, ministra de Traballo, pediu seriedade. 

Vox, que quedou só no non ao novo decreto, cargou contra o PP en X, onde dixo non a "regalar un palacete ao PNV" ou a "pagar cos impostos dos españois o alugueiro dos ocupas" e tamén proclamou o seu "non" ao que consideran unha "estafa" do PP e un movemento que apontoa a Sánchez.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade