Publicador de contidos

Publicador de contidos

Lanzan con éxito o SpainSat, o satélite español máis avanzado de Europa

Lanzan con éxito o SpainSat, o satélite español máis avanzado de Europa

Ofrecerá comunicacións seguras ás Forzas Armadas Españolas, pero tamén á Unión Europea e á OTAN

Operará a 36.000 quilómetros de distancia da Terra e a súa vida útil será duns 15 anos

O satélite español SpainSat no momento da engalaxe desde Florida (Europa Press) O satélite español SpainSat no momento da engalaxe desde Florida (Europa Press)
G24.gal 30/01/2025 08:38

O SpainSat NG I, o innovador satélite español que ofrecerá comunicacións seguras ás Forzas Armadas de España, pero tamén á Unión Europea e á OTAN, engalou este mércores con éxito de Cabo Canaveral (Florida) ás 20:34 hora local (01:34 hora GMT).

O satélite, operado por Hisdesat e cunhas dimensións de 6,7 metros de altura,  2,7 metros de ancho e un peso de case 6 toneladas, emprendeu viaxe ao seu destino a uns 36.000 quilómetros de distancia da Terra, na órbita xeoestacionaria, onde se situará 29º leste. Operará nas bandas X, Ka e UHF e a súa vida útil será duns 15 anos.

Sara Alonso, a primeira muller española seleccionada como membro da reserva da Axencia Espacial Europea, compartía en X o momento da engalaxe.

É o proxecto máis importante do sector espacial español ata a data, tanto polo seu orzamento como pola súa dimensión, a innovación que incorpora e a ampla participación da industria española.

O satélite de comunicacións máis avanzado de Europa

O SpainSat NGI colocará a España no selecto club de países capaces de ofrecer servizo á OTAN. Encargarase de garantir comunicacións seguras durante os próximos 15 anos ás forzas armadas españolas, pero tamén á Unión Europea e á Alianza Atlántica, xunto co seu xemelgo, o NGII, que previsiblemente será lanzado o próximo mes de outubro. Entre os dous cubrirán a distancia que vai desde Denver (Estados Unidos) ata Singapur, en Asia.

Estamos ante o satélite de comunicacións seguras máis avanzado que se construíu nunca en Europa, á altura, probablemente, dos máis importantes do mundo, e permitirá a España entrar "no selecto club" dos países que dan servizo á OTAN.

Ata o de agora só hai catro nacións aliadas que ofrecen comunicacións seguras por satélite á Alianza Atlántica ao cumprir os seus rigorosos estándares (Estados Unidos, Reino Unido, Francia e Italia).

Co seu xemelgo, o SpainSat NG II, que será lanzado ao espazo previsiblemente o próximo mes de outubro, substituirán os que están en órbita Spainsat e Xtar-Eur.

"Nunca se puxo un satélite en órbita desta envergadura e desta complexidade; está á cabeza desde o punto de vista tecnolóxico, ademais de ser o que conta con maior participación de empresas españolas (45 %), e no que colaborou practicamente todo o sector espacial nacional", indica o Ministerio de Defensa nun comunicado.

Durante o lanzamento, estiveron presentes a secretaria de Estado de Defensa María Amparo Valcarce, o xefe de Estado Maior do Exército do Aire e do Espazo Francisco Braco e o Xefe do Estado Maior da Armada Antonio Piñeiro, entre outras autoridades civís e militares.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade