Publicador de contidos
Publicador de contidos

Primeira liña de cosmética natural elaborada con Mel de Galicia IXP

Primeira liña de cosmética natural elaborada con Mel de Galicia IXP

Hai cremas, xabóns e bálsamos para todo tipo de peles, sobre todo para as máis delicadas

G24.gal 12/01/2023 20:57

Toda unha liña de cosmética natural elaborada con auténtico mel galego con Indicación Xeográfica Protexida.

Esa é a proposta que nos achega a agrupación apícola de Galicia baixo o nome de Belacolmea.

O proxecto busca darlle unha alternativa económica ao sector e ao mesmo tempo potenciar a calidade dos produtos galegos.

Belacolmea empezou a bulir pensando na apicosmética como unha alternativa para que as explotacións fosen máis viables. Que dende elas chegaran o mercado novos produtos cen por cento naturais e de primeira calidade. 

"Este é un proxecto que xurdiu para que as explotacións apícolas tiveran unha forma de diversificación dos seus produtos e fosen máis rendibles, que puideran seguir estando no rural e vivindo do rural. É a única cosmética natural apícola con mel de Galicia, non hai outra no mercado, entón pareceunos algo moi innovador e con moita saída no mercado", explica Esther Ordóñez, veterinaria da Agrupación Apícola de Galicia.

Tras dous anos de investigación o proxecto traduciuse en oito produtos de cosmética natural co mel da indicación xeográfica protexida mel de Galicia como ingrediente principal. 

"Nós non podemos garantir unha calidade sen tela probado antes, entón testamos en sesenta voluntarios e finalmente foi todo para adiante e xa sacamos a liña e todo ben", conta Lucía Placer, técnica da Agrupación Apícola. 

Hai cremas, xabóns e bálsamos para todo tipo de peles, sobre todo as máis delicadas. Din que o mellor está a ser a interacción cos seus clientes e comprobar a eficacia dos seus produtos.

"É supergratificante que te chamen despois duns meses de ter probado a túa crema e ver que realmente o produto funciona", apunta Mónica López, técnica apícola. 

Toda a liña pode mercarse a través de Internet, as súas redes sociais ou as tendas de proximidade que colaboran no proxecto, unhas 35 en toda Galicia. Agora confían en que a marca se vaia afianzando de a pouco e poder sacar novos produtos o mercado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar