Publicador de contidos
Publicador de contidos

Prisión sen fianza para o detido polo atropelo na proba ciclista de Cervantes

Prisión sen fianza para o detido polo atropelo na proba ciclista de Cervantes

Está investigado por un delito de tentativa de homicidio, omisión do deber de socorro e condución con desprezo á vida dos demais

Xulgado de Becerreá Xulgado de Becerreá
G24.gal 11/08/2023 14:20

A xuíza do Xulgado de Becerreá decretou prisión provisional, comunicada e sen fianza para o detido polo atropelo supostamente intencionado na proba ciclista celebrada o pasado domingo en Cervantes.

O home está investigado por un delito de tentativa de homicidio, omisión do deber de socorro e condución con desprezo á vida dos demais.

O ferido era un dos membros organizadores da proba ciclista Ancares Cycling Marathon, nunha estrada de Cervantes.

De acordo cos servizos de emerxencias, o suceso ocorreu ao mediodía e a vítima resultou con feridas de gravidade, polo que foi mobilizado o helicóptero medicalizado con base en Ourense para trasladalo ao Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo, onde permanece na UCI.

Os feitos ocorreron nun cruzamento no que o condutor, a pesar da advertencia de Protección Civil, quería atravesar o cordón de seguridade e acceder co coche á estrada que, nese momento, estaba cortada porque ía pasar o pelotón.

Ante a negativa do condutor, a vítima, un dos organizadores da proba ciclista, saíu dun dos coches de seguridade para tentar impedir que cruzase. Foi nese momento cando o atropelou, tal e como relatan fontes da organización.

O home sufriu un forte golpe na cabeza e foi atendido nun primeiro momento polos servizos médicos da carreira e do PAC de San Román, pero logo tivo que ser derivado en helicóptero ao HULA.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade