Promoven a declaración do marisqueo na ría de Muros e Noia como Patrimonio da Unesco
Promoven a declaración do marisqueo na ría de Muros e Noia como Patrimonio da Unesco
Os concellos e as confrarías da ría de Muros e Noia están detrás desta iniciativa
O primeiro paso é que a Xunta inclúa esta actividade no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia
A candidatura sería compartida coa actividade marisqueira das illas chilenas de Chiloé e Tenglo
O Grupo local de acción pesqueira, co apoio dos concellos e das confrarías da ría de Muros e Noia, acaba de dar o primeiro paso para conseguir a declararación do marisqueo como Patrimonio Inmaterial da Humanidade.
"Acábase de presentar a candidatura na Consellería de Cultura para que a recoñezan nun censo como actividade cultural e a partir de aí, cando haxa o recoñecemento da Xunta, xa se seguirán os pasos oportunos para chegar a esa futura candidatura ante a Unesco", explica Manuela Oviedo, xerente do Grupo Local de Acción do sector pesqueiro.
A proposta é unha candidatura conxunta coa actividade marisqueira das illas chilenas de Chiloé e Tenglo, coas que comparte unha identidade común.
"Ten unha identidade no territorio, igual que a ten aquí. É unha actividade que realizan sobre todo mulleres. Podemos dicir que aquí o marisqueo tamén foi pioneiro na incorporación das mulleres ao mundo laboral e na toma de decisións. É unha actividade respectuosa co medio, unha actividade artesanal que se vai mantendo de xeración en xeración," asegura Manuela Oviedo.
O grupo local de acción pesqueira busca este importante respaldo simbólico para unha actividade tradicional e sustentable da que viven actualmente unhas dúas mil persoas.
"Para as mariscadores e os mariscadores sería un aumento de autoestima e de prestixio da súa actividade profesional", di a xerente do Grupo Local de Acción do sector pesqueiro.
A última campaña marisqueira, que rematou a finais de marzo, deixou unha facturación de 17 millóns de euros, a segunda mellor campaña dos últimos dez anos.