Puente ponlle prezo ao traspaso e o rescate de AP-9: máis de 6.000 millóns; "Se alguén pon o diñeiro, nós encantados"
Puente ponlle prezo ao traspaso e o rescate de AP-9: máis de 6.000 millóns; "Se alguén pon o diñeiro, nós encantados"
Puente ponlle prezo ao traspaso e o rescate de AP-9: máis de 6.000 millóns; "Se alguén pon o diñeiro, nós encantados"
O ministro de Transportes explicou en Lugo que "transferir as competencias ten un custo de entre 1.260 e 2.600 millóns, e rescatar a concesión, 4.000 millóns"
O PPdeG pide un estudo "serio e rigoroso" sobre o custo de rescatar a Autoestrada do Atlántico
Óscar Puente ponlle cifras ao traspaso a Galicia da competencia sobre a AP-9 e o rescate da concesión: "Transferir as competencias ten un custo de entre 1.260 e 2.600 millóns, e rescatar a concesión 4.000 millóns".
O día despois de que o Congreso aprobase pedir ao Goberno anular a prórroga da Autoestrada do Atlántico e suprimir as peaxes, o ministro de Transportes e Mobilidade Sostible respondeu que "se alguén pon o diñeiro e nos di de onde sae, nós encantados de rescatala e de transferila, pero eses son os custos".
"Desde logo o Ministerio de Transportes non ten máis de 6.000 millóns", asegurou Puente, quen sentenciou: "Para pedir apuntámonos todos, pero hai que ser conscientes de cales as consecuencias da petición".
O ministro fixo estas declaracións en Lugo, onde visitou as obras de futura estación intermodal da cidade, nun acto no que tamén estaba presente a alcaldesa da cidade, Paula Alvarellos, e o conselleiro da Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo.
E ao respecto das declaracións de Puente sobre a AP-9 Calvo dixo que "é unha pena. A min gustaríame que o ministro falase co secretario xeral do PSdeG, que foi quen se comprometeu hai pouco máis de tres meses a que a AP-9 ía ser gratuíta en Galicia se el gañaba".
O PPdeG pide un estudo rigoroso sobre o custo do rescate
Pola súa parte, o voceiro do PPdeG no Parlamento galego, Alberto Pazos, pediu que o Goberno elabore un "estudo serio e minucioso" sobre o custo de rescatar a AP-9 de peaxes.
"A cantidade do rescate vai aumentando segundo aumentan os nervios do ministro polas súas incongruencias", asegurou o portavoz parlamentario do PPdeG.
Ademais, sobre a transferencia á comunidade da titularidade da vía o dirixente do PPdeG expresou a súa "desconfianza" en que vaia ser unha realidade "a curto prazo" e reclamou axilidade na tramitación da proposta aprobada no Congreso esta mesma semana.
O BNG desconfía das cifras do Goberno
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que descoñecen os cálculos do Goberno para concluír esa cifra, e Pontón cre que "se está tentando enganar sobre cal é o custo real dese rescate" por cambian as cifras "por encantamento" dunha semana para outra, e reprochou a falta "seriedade" e "credibilidade" de Puente.
Na súa opinión, quen se opón a nacionalizar a AP-9 coa escusa do custo "son os que non lle puxeron ningunha pega ao rescate das radiais madrileñas", co que parece que nesta ocasión traballan "a favor de Audasa".
Por iso, reclamou á Xunta remitir canto antes ao Parlamento galego un informe do custo do rescate porque "se necesita un estudo con criterios claros".
A autovía Santiago-Lugo estará rematada a finais de 2025
No mesmo acto, no que o ministro de Transportes cifraba en máis de 6.000 millóns o custo da transferencia e o rescate, tamén anunciaba que as obras da autovía que conectará a cidade de Lugo con Santiago de Compostela estarán concluídas, “como moi tarde”, a finais do próximo ano.
Asegurou Puente que cando veña a “inaugurar esta estación intermodal”, cuxas obras comezaron en marzo e teñen un prazo de execución de 16 meses, estará “concluído, sen ningunha dúbida, o tramo Palas de Rei-Melide”.
O outro que aínda non está completado, entre Arzúa e Melide, quedará terminado “a finais do ano que vén”. O ministro confirmou que “un está ao 80 %” de execución, mentres que outro “vai un pouquiño máis atrasado” e as obras están “ao 50 %”.
En todo caso, garantiu que “eses 28 quilómetros que nos quedan para conectar Lugo con Santiago por autovía” estarán “concluídos como moi tarde a finais do ano 2025”. “Antes estará completo un dos dous tramos, Palas de Rei-Melide”, precisou.
Puente tamén anunciou que a circulación ferroviaria entre Lugo e Ourense vaise retomar o próximo día 24. Confirmou, así mesmo, que esta prevista a substitución dos trens Intercity de Renfe "por un servizo Alvia", o que “vai permitir que a conexión con Lugo sexa a máis velocidade”, e anunciou que “estamos a iniciar o estudo para unha nova comunicación entre Lugo e Santiago” por tren.
De feito, recoñeceu que "a Lugo levará o seu tempo, levará o seu trámite”, pero tamén dixo que a súa "aspiración é que Lugo estea perfectamente conectada á Alta Velocidade".