Que é a deflatación e como funciona?
Que é a deflatación e como funciona?
O presidente da Xunta anunciou a deflatación dos tres primeiros tramos do IRPF ata os 35.000 €. Pero, que significa?
Cinco tramos con diferentes tipos impositivos
Primeiro, cómpre repasar, de xeito moi simplificado, como funciona o IRPF.
Á hora de responder ante a Facenda polos nosos ingresos, a renda divídese en tramos. Cada un deles vai asociado unha porcentaxe, que é o que teremos que pagar. En Galicia existen cinco.
O Estado e as Comunidades Autónomas teñen dúas porcentaxes diferentes, que se aplican conxuntamente.
Por unha cuestión de competencias, a medida anunciada polo presidente Rueda atinxe ás porcentaxes dependentes da Xunta de Galicia.
A maior tramo, maior porcentaxe pagamos
O IRPF é un imposto progresivo: canto máis gañamos, maior será o tramo en que esteamos e, polo tanto, máis pagaremos.
Pero, ollo, a porcentaxe do tramo que cómpre pagar non se aplica ao total. Faise de xeito gradual, aplicando as porcentaxes de tramo en tramo.
Poñamos un exemplo. Se cobramos 21.000 euros, non pagamos directamente un 11,65 %, senón que pagamos polos primeiros 12.450 euros un 9,4 % e polos seguintes 8.550 (21.000-12.450), o 11,65 % correspondente a ese tramo.
Sumando todo, o importe final que pagariamos á Facenda galega serían 2.166,38 €.
Que é a deflatación?
Nun contexto de inflación, os prezos soben e todo é máis caro. Para manter o poder adquisitivo dos traballadores, os soldos deben subir, cando menos, do mesmo xeito que o IPC para que os custos da vida non resulten inasumibles.
Porén, como os tramos do IRPF non se axustan automaticamente á inflación, os incrementos de soldo poden provocar o que se chama "salto de tramo".
O novo soldo sitúa a renda nun punto superior en que os tipos impositivos son máis elevados.
Así, os cidadáns non verían corrixida a súa situación, senón unha certa mingua do seu poder adquisitivo porque estarían a pagar máis en impostos por mor da inflación.
A deflatación é un mecanismo que pretende corrixir isto, adaptando as marxes dos tramos dos tipos impositivos en relación á suba dos prezos.
A deflatación proposta pola Xunta
A Xunta de Galicia propón un incremento nas cantidades que marcan os tramos que van ata os 35.000 euros nun 4,1 %.
Esta cifra non é casual: corresponde á suba salarial media segundo a estatística de custos laborais do segundo trimestre de 2022 do Instituto Nacional de Estatística.
O presidente tamén anunciou que no tramo inferior o tipo impositivo baixará do 9,4 % ao 9 %.
Volvendo ao exemplo inicial dos 21.000 euros. pagariamos o 9 % polos primeiros 12.960 e o 11.65 % polos 8.040 restantes, o que nos daría un total de 2.103,06 €. Son preto de 63 € menos.