Veciños do Barbanza quéixanse do mal funcionamento dos sistemas de telefonía alternativos á rede de cobre
Veciños do Barbanza quéixanse do mal funcionamento dos sistemas de telefonía alternativos á rede de cobre
Veciños do Barbanza quéixanse do mal funcionamento dos sistemas de telefonía alternativos á rede de cobre
Nalgunhas zonas estanse instalando conexións por radio ou por satélite que os usuarios din que non funcionan ben
Son sistemas provisionais para substituír a rede de cobre tradicional, que deixará de funcionar definitivamente o 19 de abril
Os afectados piden que se instale xa a fibra óptica, como prevé a Axenda Dixital
A Axenda Dixital das administracións públicas prevé que en 2026 todos os lugares terán acceso a unha conexión dixital de máis de cen Mbps. Hai mesmo plans especiais en marcha para que isto se cumpra nas zonas de máis difícil cobertura, as chamadas 'zonas brancas', pero a transición non está avanzando por igual en todos eses lugares. Na zona baixa de Tarela, un lugar de Porto do Son, xa se instalou a fibra óptica, pero os que viven máis arriba seguen cun servizo moi deficiente.
"Non se pode facer unha chamada normal, córtase constantemente, se te queres a Internet é imposible e teletraballar é unha odisea".
Aquí din que nin sequera o móbil é unha alternativa, porque apenas hai cobertura. Á espera de que estendan a fibra óptica, algúns veciños manteñen aínda a conexión de toda a vida por rede de cobre, un sistema que deixará de funcionar definitivamente o próximo día 19. A outros xa lles instalaron sistemas provisionais alternativos, pero din que non van ben.
"Temos satélite e non funciona, porque nestas zonas costeiras non vai ben e o sistema de radio tampouco porque non hai boa cobertura. A única solución que daría un servizo bo é a fibra".
Francisco Mayán vive en Gourís, outra zona alta do Son. Logrou que no seu lugar instalaran a fibra ao mesmo tempo que na zona baixa a base de chamar insistentemente a compañía telefónica para facer valer os seus dereitos.
"Eu o que lle dicía é que tamén tiña dereito a que meteran a fibra porque se o Goberno lle estaba dando diñeiro para axudar a ter o teléfono nos lugares que estamos illados, non é só para poñelo comodamente nos que están á beira da estrada e facer cartos".
Segundo o informou Rede Aberta, a empresa encargada de completar a dixitalización por fibra no Barbanza, ao concello do Son, van empezar a traballar neste municipio en breve, agora que xa están dando por rematados os traballos noutras áreas pendentes en Noia e Lousame.