Querela da Fiscalía contra Rubiales por agresión sexual e coaccións
Querela da Fiscalía contra Rubiales por agresión sexual e coaccións
Agora o xulgado en que recaia a querela debe decidir se abre ou non procedemento penal contra el
A Fiscalía pide que se consulte ás autoridades australianas se a actuación do directivo suspendido é constitutiva de delito no país
A Fiscalía presentou este venres na Audiencia Nacional unha querela contra Luís Rubiales, presidente suspendido da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), a quen pide investigar polos delitos de agresión sexual e coaccións en relación ao bico que deu á xogadora Jenni Hermoso tras a final do mundial en Sydney.
O Ministerio Público considera que esta actuación de Rubiales non foi consentida e, polo tanto, pode ser constitutiva dun delito de agresión sexual e doutro de coaccións pola presión que sufriu Jenni Hermoso e a súa contorna tras o episodio, de modo que solicita á Audiencia que abra unha causa contra o directivo.
A Fiscalía tomou accións legais contra Rubiales despois de que a futbolista formalizase a súa denuncia o pasado martes. Agora o xulgado no que recaia a querela debe decidir se abre ou non procedemento penal contra el.
Hermoso relatou ante a Fiscalía a presión constante e reiterada que sufriron tanto ela como o seu círculo máis próximo por parte de Rubiales e da súa contorna profesional para que aprobase publicamente o bico que lle deu o seu superior, mentres lle agarraba coas dúas mans a cabeza, durante a cerimonia de entrega de trofeos do Mundial de fútbol, o pasado 20 de agosto.
A tenente fiscal da Audiencia Nacional, Marta Durántez, relata na súa querela que Hermoso sufriu "unha situación de fustrigación, en contra do desenvolvemento da súa vida en paz, tranquilidade e libremente", que podería constituír un delito de coaccións por parte de Rubiales.
Entre as dilixencias que propón practicar figura a declaración de Luís Rubiales como investigado polos citados delitos e a de Jenni Hermoso, en calidade de vítima.
Tamén pide que se consulte ás autoridades australianas se a actuación do directivo suspendido é constitutiva de delito no país, requisito previsto na Lei Orgánica do Poder Xudicial para que a xurisdición española investigue os delitos que se cometeron presuntamente no estranxeiro se os seus supostos autores son españois.
Todo isto na vía penal, pois na administrativa Rubiales ten aberto un expediente no Tribunal Administrativo do Deporte (TAD) tras unha denuncia presentada polo Consello Superior de Deportes (CSD).
Rubiales está temporalmente suspendido das súas funcións como presidente pola FIFA, mentres investiga o seu comportamento durante a final do Mundial, na que tamén se agarrou os xenitais no palco ao celebrar a vitoria da selección española.