Publicador de contidos
Publicador de contidos

Reabre o rocódromo de Lugo, con novas rutas de escalada

Reabre o rocódromo de Lugo, con novas rutas de escalada

Ofreceranse clases de iniciación e crearase unha escola dirixida aos máis pequenos

Félix Aragunde 23/09/2024 19:51 Última actualización 23/09/2024 20:58

Con case 20 metros de altura e 1.300 metros cadrados de superficie, o rocódromo de Lugo é un dos maiores en todo o ámbito estatal. Tras botar un tempo pechado, tomou as súas rendas unha nova xerencia, que se ocupou de renovar as instalacións e reabrilas ao público.

O circuíto conta con tres espazos diferenciados, correspondentes ás distintas disciplinas olímpicas. Ademais, todas as rutas foron reequipadas, co fin de ofrecer unha nova experiencia en cada unha delas.

Adrián Carreira, novo xerente do rocódromo de Lugo: "Que haxa rutas novas, que varíen, é polo reto novo constante. Se unha vía leva moito tempo equipada, acábala facendo ou abandonándoa".

Segundo a súa nova xerencia, o rocódromo reabre co obxectivo de promover a afección á escalada en Lugo. Con esa finalidade, ofreceranse clases de iniciación e crearase unha escola de escalada dirixida aos máis pequenos.

Adrián Carreira, novo xerente do rocódromo de Lugo: "Da mesma forma que os nenos poden xogar ao baloncesto ou ao fútbol e ter o partido a fin de semana, o deporte da escalada podemos acercalo a eles".

Situado no pazo de feiras de Lugo, o circuíto de escalada abrirá as súas portas todos os días. Poderán acceder os maiores de seis anos, con entradas individuais ou con abonos mensuais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos