Reacción positiva no sector mar-industria á Lei de ordenación do litoral da Xunta
Reacción positiva no sector mar-industria á Lei de ordenación do litoral da Xunta
Consideran que pode ser o marco para poñer en marcha investimentos paralizados por falta de seguridade xurídica
A Xunta aprobaba este xoves o Anteproxecto de lei de ordenación do litoral, unha iniciativa coa que o Goberno central está en desacordo, pero que conta, en principio, co apoio dos socialistas galegos. Desde o sector mar-industria din que é unha aposta "necesaria e urxente" para non perder pé con respecto a países veciños como Portugal ou Francia.
"É unha valoración moi positiva, sobre todo por garantir unha seguridade xurídica que vimos solicitando durante estes últimos anos. Practicamente os investimentos no sector do mar están paralizados desde aquel intento de modificación do Regulamento xeral de costas ata o 2018", sinala Roberto Fariña, vicepresidente da Confederación Mar-Industria Alimentaria.
Desde o ámbito marítimo-industrial sosteñen que outro atranco estivo na Lei de cambio climático e na falta de atención ás especificidades do litoral galego. Lembran que hai moitos proxectos gardados no caixón debido á falta de seguridade normativa dos últimos anos.
"Temos datos de moitísimos investimentos, falamos de investimentos desde plantas de procesado, plantas de cocción, plantas de depuración, conserveiras co proceso de cocción que están totalmente paradas. Ninguén vai investir nun país no cal existan dúbidas na duración das concesións", indica Roberto Fariña.
No sector entenden que é necesario volver ao camiño do crecemento coa sostibilidade como referente. Algunhas industrias galegas do mar mesmo puxeran a ollada na expansión a través de Portugal e sinalan que sería unha mágoa que Galicia perdese o seu característico factor competitivo.